Hai un refrán popular que di “agarrádevos os machos que veñen curvas”, que se adoita utilizar cando as cousas veñen mal dadas, ou en situacións difíciles. Isto pódeselle dicir agora á cidadanía ante a situación que se está vivindo polas negociacións do #PSOE, co seu “portavoz” e mediadora Yolanda Díaz e o seu axudante Jaume Asens, para convencer a Carles Puigdemont de que os sete deputados do seu partido faciliten co seu voto a investidura de Pedro Sánchez. Sete deputados que valen o seu peso en ouro vendo o que piden a cambio: saltar as leis, a constitución e todo o que faga falta. E iso que din que non todo vale na vida e tan pouco debería ser na política. É unha cuestión de ética e respecto.
O fuxido que sente rehabilitado pola emisaria Díaz e a súa correveidile Asens, cada día aumenta as súas peticións para vender os seus sete votos de ouro. Agora quere tamén - irá sumando peticións - un mediador internacional para que estea presente nas negociacións, e que ademais siga durante toda a lexislatura vixiando de que se cumpra o pactado. Un mediador non se adoita utilizar para procesos de paz? Ou nalgunhas ditaduras como a de Venezuela para chegar a acordos - caso de Zapatero-? Neste caso non se dá ningunha das dúas situacións, aínda que Puigdemont venda a ditadura do Goberno opresor de Sánchez, co que á vez está a negociar.
Aínda que os socialistas tratan de disimular, tal e como están a transcorrer os feitos e a tan só poucos días da Diada en Catalunya, é case seguro que todos estean a facer teatro e cando chegue o martes, as cousas explicaranas doutra maneira: é dicir o pacto está feito. Agora tocaralles vestilo para que a xente se poida tragar unha concesión que resultará demasiada cara, co agravante de enganar aos paganinis, que para iso están, votáronos e iso tradúceno en que poden facer, sen consultar, os que lles veña en gana. Así de clarito, e que a cidadanía se vaia amarrando os machos porque os tempos que veñen van ser de curvas perigosas.
Hai unha inmensa maioría que non entende como o que ten só un 1,6% dos votos pode ser o director de orquestra para formar Goberno. Ou que o 6 % dos electores estean a decidir pola totalidade dos españois. Onde se viu tal situación? En España, porque é diferente, como a propia portavoz do Goberno de España que declaraba este xoves que hai que afrontar as situacións e hai que ser valentes. Valentes ou chulos como ela?
Valente debería ser o presidente do goberno Pedro Sánchez, explicando a verdade do que realmente se está traballando detrás do pano, sen luz nin taquígrafo. Ser valente é antepor os intereses xerais en lugar dos de partido. Ser valentes é explicar que os pactos con Puigdemont e ERC- que se subiu ao carro do fuxido- non se poden facer porque o que piden non é posible, nin legal e que, por todo iso, hai que convocar novas eleccións, non seguir nun camiño equivocado. Non se pode vender iso de “un goberno progresista”, porque non o é contando con socios desleais como Junts que están constantemente acusando a España de ser un Estado opresor, ou que a unilateralidad segue vixente. Ou que Catalunya son eles, deixando de lado á maioría.
Ser valente é o que fan cada día as xentes que aguantan estoicamente que os seus dirixentes lles conten unha milonga, téñanlla que tragar e que os traten de idiotas. A política é iso?, Si, e algo máis, por desgraza. Así que sigan amarrar os machos que veñen curvas.
Escribe o teu comentario