Os enormes riscos do negacionismo nas dereitas extremas

Manoel Barbeitos
Economista

“A lei de Violencia de Xénero duraríanos 15 minutos no Goberno” (Rocío de Meer, VOX). “(A Cumbre do Clima) é un disparate, unha farsa para facer negocio empobreciendo a Occidente” (Magdalena Nevado, VOX)
 

Entre os riscos democráticos que esconden os posicionamentos políticos das dereitas extremas (PP/VOX) hai dous que pola súa importancia actual producen especial preocupación. Son os que fan referencia á violencia contra as mulleres e o cambio climático. Negacionismos preocupantes, non só porque vaian en contra de todas as evidencias, senón tamén porque esconden políticas que pon en cuestión tanto a convivencia cidadá como o propio futuro de todos nós. Negacionismos que, por outra banda, subliñan o lonxe que, neste momento, está o Partido Popular (PP) das posicións políticas que corresponderían a unha dereita europea liberal e democrática. Velaí, por caso, os contidos, relacionados con estas materias, dos pactos asinados por este partido con VOX en Castela León, Valencia, Aragón, Baleares, Estremadura… e en non poucos concellos.

 

Segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística) o número de mulleres vítimas da violencia de xénero en España creceu nun 8,3% no ano 2002, até chegar ás 32.644 (89 vítimas diarias). Na última década o número estivo sempre por encima das 26.700 anuais. Desde o ano 2003 foron 1.202 as mulleres asasinadas por violencia de xénero. Hai que saber que estes son os datos oficiais, as vítimas das que se ten constancia, polo que con toda seguridade a realidade é moito peor, pois é ben sabido, e comprobado, que moitas mulleres por, razóns varias, non denuncian que están a ser maltratadas. Para tomar conciencia da gravidade da situación pensemos que, por caso, a organización terrorista ETA asasinou ao longo da súa macabra historia a 850 persoas. Neste marco, caben dúbidas dos enormes riscos que para a democracia supón negar esta violencia criminal coas mulleres? Pode cualificar como liberal e democrático a un partido (PP) que blanquea a outro (VOX) que nega esta violencia de xénero?

 

Mentres, as dereitas extremas españolas (PP/VOX) negan o cambio climático, a crise ecolóxica na que está sumida o planeta terra avanza a gran velocidade. Unha evidencia da que se fan eco cada vez máis voces autorizadas que se suman ás chamadas de alerta das organizacións medioambientais. Paul Krugman, premio Nobel de Economía, durante a súa intervención días pasados no Vigo Global Summit 2023, afirmaba que abordala crise climática debe ser unha prioridade das autoridades nacionais e internacionais. Pola súa banda, as Nacións Unidas, ás que ninguén pode cualificar como extremistas, veñen de afirmar que “o cambio climático constitúe unha emerxencia mundial que vai máis aló das fronteiras nacionais”. Segundo a maioría dos expertos o cambio climático está a traer como consecuencia intensas secas, escaseza de auga, incendios graves, aumento do nivel do mar, inundacións, desxeo dos polos, tormentas catastróficas e diminución da diversidade. 

 

Neste escenario non debería quedar dúbidas sobre os enormes riscos que supón para todos os pobos de España o negacionismo das dereitas extremas (PP/VOX) ante problemas que, neste momento, teñen a máxima gravidade, como sucede cos que veño de subliñar. 


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE