Dous cabalgan xuntos

Manoel Barbeitos
Economista

“Se meto a Vox no goberno será por culpa do PSOE” (A. Núñez Feijóo)


 

A estas alturas (Castela León, Valencia, Estremadura, Aragón, Baleares, Valladolid, Toledo, Burgos..) xa non deberían quedar dúbidas de que en España las dereitas extremas (#PP/VOX) cabalgan xuntas no obxectivo común de copar o maior poder político (local, autonómico, estatal) que estea ao seu alcance. Un cabalgar xuntos marcado tanto pola necesidade política como pola profunda afinidade ideolóxica. Un cabalgar xuntos que supón debuxar un escenario político non moi distinto ao de moitos dos estados europeos da nosa contorna, nos que as dereitas extremas van gañando forza e poder político (Alemaña, Austria, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Letonia, Polonia, Suecia…).

 

A explicación política máis evidente a este cabalgar xuntos das dereitas extremas está na referida afinidade ideolóxica que ten non poucos fundamentos. En primeiro lugar, ambos os partidos (#PP e VOX) son herdeiros, por vía directa e indirecta, do franquismo algo que se pon en evidencia na común defensa de moitos dos seus idearios (fomento do catolicismo e o centralismo, defensa da familia tradicional, querenza polos touros e as romarías, utilización de himnos e bandeiras franquistas, satanización dos sindicatos e os movementos sociais...). En segundo lugar, e relacionado co anterior, está a súa común negativa a facer xustiza (oposición a lei da memoria histórica) coas vítimas dunha das ditaduras máis crueis e sanguinarias do século XX.

 

Pero as coincidencias entre PP e VOX son moitas máis como, por caso, en relación á violencia de xénero (chegando a negar a súa existencia a pesar do número de vítimas: 32.664 mulleres no ano 2022) e o aborto (#opor á súa legalización): posicións no que pon de manifesto a súa cultura sobre a muller e a igualdade. Coincidencias tamén na súa teima en limitar a liberdade de expresión e información ben mediante un control partidario dos medios públicos ben subvencionando aos medios privados. Uns medios que, paralelamente, sérvenlle para difundir, como estamos a ver coas televisións privadas (e algunhas públicas como a TVG), unha cultura que ademais de machista é profundamente reaccionaria e vulgar. Unha información que pon no foco dos seus ataques tanto aos movementos sociais como ás forzas de esquerdas e que ten a mentira como guión argumental. Unha información e unha cultura que tamén culpan a inmigración (“quítanlle empregos aos nacionais e fan deficitaria a seguridade social”) dalgúns problemas sistémicos do mercado laboral e fomentan o acoso a colectivos xa marxinados (LGTBI).

 

Aínda que seguramente onde hai máis coincidencias é na política económica polo seu común defensa dos intereses das clases de rendas máis altas. Unha política económica orientada a minimizar a presenza do público, privatizar as funcións públicas de benestar con atención especial ás pensións e a favorecer as rendas do capital á conta das rendas de traballo. Unha política económica que, ademais de facilitar a corrupción e a fraude fiscal, nega o cambio climático.

 

Por todas estas razóns non resultan cribles as manobras do Partido Popular e os seus altofalantes mediáticos subvencionados tentando convencernos de que eles (#PP) e VOX non son o mesmo cando, como podemos ver no día a día, cabalgan xuntos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE