Xente de ben

Manoel Barbeitos
Economista

"Deixe de molestar á xente de ben e de meter na vida dos demais" (A. Núñez Feijóo)


 

A verdade é que en España hai moita xente de ben" como é fácil de comprobar. A continuación paso a dar detalle dalgúns casos relevantes que o confirman. Segundo a prestixiosa Organización para a Transparencia Internacional España -a 15ª economía do mundo- vén de baixar ao posto 35 do ranking de percepción da corrupción que integran 180 países a nivel mundial -o 14 entre os 27 da Unión Europea-. Unha corrupción na que a máis común é a corrupción política. Unha práctica na que aparece algunha "xente de ben" como é sabido. Así, e por caso, segundo fontes xudiciais o Partido Popular (#PP) ten pendentes na Audiencia Nacional, só até o ano 2025, 27 casos de corrupción habendo xa tido antes 135 condenas na última década e polas mesmas causas. Prácticas corruptas con casos moi famosos e notorios -Andratx, Area, Bankia, Fabra, Noos, Pokemon, Púnica...- nos que aparecen involucrados os máis altos dirixentes e directivos dese partido. Unha corrupción que expertos fiscais avalan nun custo para as arcas públicas superior aos 112.000 millóns de euros -10% PIB-. Unha situación que, segundo fontes comunitarias, non ten parangón en ningún outro estado da Unión Europea. Xente de ben.

 

Os Técnicos de Facenda (GESTHA) cuxos informes fiscais son referenciais, calculan que o custo da fraude fiscal en España ascende anualmente á cifra de 91.600 millóns de euros, que equivalen ao 7% do PIB. Segundo estes prestixiosos profesionais, desa fraude, o 72% procede das sociedades incluídas no IBEX35 -bancos, construtoras, eléctricas, enerxéticas...-. O actual goberno de quenda, en aras da solidariedade entre os cidadáns dos pobos de España e con motivo de crecer a recadación para así poder financialos servizos de benestar, vén de aprobar un Imposto Temporal de Solidariedade das Grandes Fortunas (IGF) -grava o patrimonio neto de persoas físicas superior aos 3 millóns de euros- quen, por caso, as fortunas do IBEX35, no ano 2022 gañaron máis de 52.000 millóns de euros e os seus directivos embolsáronse máis de 80 millóns de media -salarios, fondos de pensións e outras retribucións-. A resposta destes directivos á medida gobernamental distributiva foi variada: mentres unha gran maioría apunta a recorrer este imposto temporal diante da xustiza común -Audiencia Nacional- outros como, por caso, a construtora Ferrovial -que creceu a golpe de contratos públicos e cuxo presidente executivo, a terceira fortuna de España, vén de percibir polo seu cargo máis de 5 millóns de euros en 2022- anuncian que trasladarán o seu domicilio social aos Países Baixos onde pagará os seus impostos e a presión fiscal é moito menor. Xente de ben.

 

As estatísticas oficiais confirman que os salarios dos traballadores e traballadoras -2.086,8 euros brutos o salario medio mensual- están a ser, nesta dobre crise sanitaria e bélica, unha vez máis os grandes sacrificados. Con motivo de compensar dalgunha forma esta perda de poder adquisitivo o goberno de quenda, xunto cos axentes sociais, aprobou varias subidas do SMI -estando agora en 1.080 euros mensuais- que antes estaba entre os máis baixos de Europa. Unha subida que, por caso, provocou o rexeitamento da CEOE, representante das grandes empresas españolas, cuxo presidente se negou a asistir á última reunión. As razóns esgrimidas polos empresarios son que esas subidas provocan unha alza da inflación, unha subida dos custos empresariais e, por tanto, un incremento do desemprego. Algo que, por caso, tamén defende a presidenta do BCE quen, contra todas as evidencias, non se cansa de apuntar aos salarios como un dos causantes de que se dispare a inflación a pesar de que estamos diante dunha inflación de oferta e non de demanda. Estas posicións non lles impediron subir o seu salario: se a Presidenta do BCE ten un salario anual de 427.560 euros e o Vicepresidente de 366.504 euros, o do presidente da CEOE é de 380.000 euros. Salarios que non parecen verse afectados pola inflación, como tampouco os salarios millonarios dos directivos e directivas de bancos, eléctricas, enerxéticas, construtoras... Xente de ben.

 

A dobre crise e o seu impacto, por caso, no mercado do gas e o petróleo, está a ser aproveitada polos oligopolios destes sectores para, beneficiar da normativa neoliberal comunitaria, subir de maneira escandalosa os prezos da luz e os carburantes -petróleo, gas...- no que son subidas especulativas. Subidas que castigan duramente ás familias e as pequenas e medianas empresas afectando as súas condicións de vida e de traballo. Subidas que, como era previsible, reportan ganancias escandalosas a estas empresas: as enerxéticas gañaron unha media diaria de 54 millóns de euros no ano 2022, Iberdrola logrou uns beneficios marca de case 4.500 millóns de euros e o seu presidente tivo unha remuneración de 13 millóns de euros, Endesa máis de 2.500 millóns de euros… Xente de ben.

 

Xente de ben á que o goberno español de quenda (#PSOE/UP) non debería molestar.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE