Queda por ver os efectos políticos futuros desta última manifestación multitudinaria cando, a diferenza da de Nunca Máis, hai convocatorias electorais -municipais, xenerais- moi próximas
O 1 de decembro do 2002 mais de 250.000 galegos/as nos manifestamos en Santiago de Compostela indignados/as tanto polo sucedido co gallo do afundimento do petroleiro Prestige, cuxos vertidos provocaron un auténtico desastre ecolóxico nas costas galegas, como pola incompetencia, non exenta desprezo e indiferenza, mostrada polas autoridades públicas tanto galegas como españolas todas elas pertencentes ao Partido Popular (PP). Unha manifestación multitudinaria que non parou de berrar "nunca mais" e que pasou a historia de Galicia como unha das maiores expresións de descontento popular habidas dende sempre. Unha manifestación que, como se puido comprobar co gallo do vinte aniversario, quedou na memoria colectiva dos/as galegos/as. Unha manifestación que tamén tirou por terra algúns tópicos sobre os/as galegos/as como, por caso, o do noso carácter conformista -"mexan por nos e dicimos que chove"-.
O 12 de febreiro do 2023 -pouco mais de dúas décadas despois- outra grande e tamén histórica manifestación, dunhas 50.000 persoas, no que os/as organizadores/as consideran, con toda a razón, o maior e mais grande apoio popular a sanidade pública na historia de Galicia, percorreu as rúas de Compostela con claras manifestacións de indignación cidadán hacia a política sanitaria da Xunta de Galicia que está esnaquizando un servizo público moi querido e respectado pola maioría cidadán para entregarllo a un capital privado no que a especulación e a procura da máxima ganancia son os seus principios en prexuízo do coidado da saúde e a vida dos/as cidadáns galegos/as.
Si analizamos estas dúas grandes manifestacións de masas vemos que teñen non poucos elementos comúns. O primeiro é, sen dúbidas, o ser a expresión dunha indignación popular diante do comportamento dos poderes públicos fronte a un grave problema social relacionado coas condicións de vida dunha maioría de cidadáns galegos, un comportamento que se considera soberbio e despectivo co sufrir da maioría social. O segundo que ámbalas dúas supoñen tamén unha defensa do patrimonio público: no 2002 a riqueza natural das as costas galegas, no 2023 a atención sanitaria pública. Finalmente, as dúas manifestacións tiveron un carácter suprapartidario tal que transcenderon e superaron a capacidade mobilizadora por caso, das forzas galegas de esquerda políticas e sindicais.
Queda por ver os futuros efectos políticos desta última multitudinaria manifestación cando a diferencia da anterior hai unhas convocatorias electorais -municipais, xerais- moi próximas, neste mesmo ano.
Porque cando a cidadanía galega se mobiliza, móvense os marcos.
Escribe o teu comentario