"É unha boa noticia que se baixen impostos, a contraria é subilos" (Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia)
O señor Rueda, presidente da Xunta de Galicia, vén de sumarse ao coro de presidentes
de comunidades autónomas, que tamén son dirixentes do Partido Popular (PP), que están a facer da baixada de impostos una das súas bandeiras principais, adoptando así unha estratexia fiscal que apenas ten parangón na Unión Europea, onde a maioría dos gobernos -que son maioritariamente de dereitas- apostan por subir impostos para, nesta conxuntura tan difícil onde a recesión é unha ameaza certa, atender as necesidades crecentes de axudas por parte das familias, as empresas e as administracións públicas.
Diante dunha decisión deste tipo que choca coas necesidades actuais convén facer público que unha rebaixa de impostos nun momento recesivo como o presente traerá como consecuencia, como así o demostran todas as evidencias, un recorte no gasto das funcións públicas de benestar -co impacto que, por caso, estamos a ver en Galicia na sanidade e na atención pública aos maiores-, unha caída en paralelo dos empregos e un incremento das débedas públicas e privadas.
Unha baixada de impostos que, ademais, parece querer ocultar que España, e con ela
Galicia, é un dos estados da Unión Europea con menor presión fiscal (37,5% fronte a 41,3% de media na UE), o que non impide que sexa tamén un dos máis inxustos fiscalmente -xa que son as rendas do traballo as que sosteñen basicamente o sistema: 75%- e con maior fraude fiscal -que nun 90% procede das rendas altas-. Neste marco sorprende que o Partido Popular (PP) defenda unha baixada nos impostos no canto de, por caso, un maior equilibrio fiscal e unha importante redución na fraude. Sorprende tamén que non mostre preocupación polo impacto que tal baixada terá nas débedas tanto públicas como privadas.
A sorpresa é menor se vemos que a principal rebaixa tributaria que o señor Roda e os seus
compañeiros de partido (PP) defenden afecta o patrimonio, aos grandes patrimonios.
Unha decisión que comporta incrementar unha desigualdade fiscal xa elevada pero que
resulta coherente coa ideoloxía dun partido que se alimenta da corrupción e a fraude fiscal á vez que privilexia os intereses das clases de rendas altas.
Convén repetir, unha vez máis, que como podemos comprobar a través dos informes
internos da Unión Europea, son os estados con maior e equilibrada presión fiscal e menor fraude fiscal os que gozan dunha maior calidade de vida, unha maior produtividade, un menor desemprego, unha maior renda per cápita e tamén menores débedas o que lles permite soportar mellor as recesións económicas. Evidencias que poñen ao descuberto os erros dos dogmas tributarios neoliberais que só benefician as rendas máis altas pero que contribúen ás recorrentes recesións.
Para finalizar, subliñar os obxectivos e finalidades que teñen os tributos nunha economía capitalista. Os impostos serven, por caso, para financiar a produción de bens e de servizos que non cobren o mercado e a iniciativa privada. Serven tamén para conseguir un maior equilibrio nas rendas e unha menor desigualdade. Finalmente, os impostos teñen ademais un efecto estabilizador na economía xa que, como demostran todas as evidencias, é o gasto público quen tira do gasto privado contribuíndo así a un incremento da renda nacional. Evidencias que tamén demostran que a defensa dunha baixada nos impostos é unha opción ideolóxica que aposta por un determinado tipo de sociedade: desigual, con grandes déficits sociais, escaso emprego, moi endebedada, escasamente competitiva...
Escribe o teu comentario