Demografía, emprego e benestar

Manoel Barbeitos
Economista

Fai uns días o INE publicou un dato que á maioría dos/as galegos/as non nos colleu de sorpresa: Galicia é unha das comunidades españolas cun índice de natalidade dos máis baixos, realmente en caída libre. Como consecuencia, Galicia non para de perder poboación porque tamén morren mais persoas das que nacen.

 

Unha das explicacións mais estendidas en Galicia, por mor do enorme peso ideolóxico da Igrexa Católica e as súas institucións —como, por caso, o OPUS DEI—, consiste en que a baixa natalidade está relacionada coa integración das mulleres no mundo de traballo, xa que entón "teñen menos tempo para ter fillos". Unhas teses que parecen contrapoñer o ter fillos con ter un traballo, polo que non son raras as manifestacións de destacados representantes daquela queixándose de que as novas xeracións abandonan a maternidade ao incorporarse ao mundo laboral. Unhas manifestacións que chocan coas evidencias que camiñan en dirección contraria.

 

Evidencias que se arrastran dende fai décadas, diría que dende fai séculos, e están relacionadas, por caso, non coa integración da muller no mundo do traballo, senón coa escaseza de empregos. Xa o denunciaba no século XIX a grande Rosalía de Castro -"eu vou polo mundo para ver de gañalo"-. En Galicia hai escaseza de empregos, o que forza á xente moza a emigrar. Unha escaseza que se acompaña de precariedade e que afecta maiormente ás mulleres, que atopan unha maior dificultade para o seu acceso ao mercado laboral, o que frea a súa intención de ter fillos por medo a non ter recursos suficientes.

 

Un emprego que é escaso porque non é unha prioridade das autoridades políticas galegas. Nin o emprego é unha prioridade nin tampouco os servizos de benestar, como por caso familia e maiores, algo que podemos comprobar e confirmar co dato do gasto público nestas funcións que está entre os mais baixos da Unión Europea. Por tales razóns, a compaxinación das "labores familiares" co traballo resúltalles, especialmente ás mulleres, moi difícil, unha circunstancia que frea a natalidade. Como pon en evidencia a realidade de moitos países europeos se as políticas públicas que permiten a conciliación (escolas de infancia, axudas a vellez e a dependencia) se acompañan de políticas educativas a prol da corresponsabilidade nas tarefas familiares estase facilitando a integración da muller no mercado laboral sen que afecte á natalidade. Estaríase facilitando porque ademais con esas políticas se crea emprego, un emprego que en Galicia é moi escaso.

 

Estas evidencias, moi visibles en países con demografías mais dinámicas, son as que demostran sen discusión que o problema da baixa natalidade de Galicia ten causas políticas: a carencia de políticas públicas que faciliten a conciliación e a educación na igualdade ao tempo que á incorporación da muller ao mundo laboral. Unhas carencias de servizos públicos e de emprego que favorecen o declive demográfico e a perda de poboación. Un problema moi preocupante.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE