Euforias desmedidas

Manoel Barbeitos
Economista

Bastaron un simple cambio de cromos (por que diso se trata: Feijoo por Casado) e
unha vitoria electoral folgada nunhas eleccións autonómicas (Andalucia) para que a
depresión se convertera en euforia. 

 

Unha euforia que leva a que tanto os dirixentes políticos do partido en cuestión (PP) como os seus altofalantes -aos que se lles gratifica xenerosamente- den por seguro que aquel gañará as vindeiras eleccións xerais e así recuperará un poder -o goberno de España- que ademais de "pertencerlle por dereito divino" lle foi arrebatado de xeito ilexítimo -"moción de censura"-.

 

Pero apartemos o fume, silenciemos os tambores e analicemos con sosego o escenario político que se nos presenta por diante. Empecemos poñendo o foco nunhas eleccións xerais que, de non producirse circunstancias extraordinarias, deberán celebrarse en decembro do 2023: dentro de dezaoito (18) meses!

 

Neste escenario un non pode por menos que preguntarse: que fiabilidade poden ter, vendo as actuais dinámicas políticas, uns vaticinios electorais á tan longo prazo? Pensemos, por caso, que na actualidade a opinión da cidadanía está moi condicionada tanto pola pandemia como pola guerra de Ucraína e, moi especialmente, pola inflación. 

 

Neste escenario, quen pode asegurar que transcorrido ano e medio a situación non variou á mellor?. Por caso, son dos economistas que pensan que no ano 2023 tanto a inflación volverá aos seus valores normais como o emprego seguirá dando boas novas. Se ademais se alcanza a paz en Ucraína e a pandemia da COVID.19 está baixo control, que resultados nos darán entón as enquisas?, con que perspectivas se afrontarán as eleccións xerais?


Os que vaticinan a vitoria electoral do Partido Popular (PP) teñen en conta que durante
este tempo, e como sinalaba no artigo anterior, continuarán os desfiles polos xulgados de
destacados directivos e dirixentes do seu partido por causas relacionadas coa corrupción sistémica en que este navega?. Asemade e logo dun ano e medio de exposición pública, sen tanto medio subvencionado tal que en Galicia, como aparecera a imaxe dun político como Alberto N. Feijoo que agocha moitas sombras na súa xestión como Presidente da Xunta de Galicia? 

 

Un líder político cuxa oratoria e dialéctica, a imaxe e semellanza de Mariano Rajoy, non son precisamente brillantes como xa se está empezando a ver. Hai mais factores que se deben ter en conta e que non aparecen no relato destes dirixentes e periodistas. Por caso, que antes das vindeiras eleccións xerais deberan celebrarse outras convocatorias tamén moi relevantes. 

 

Así unhas eleccións autonómicas (maio do 2023) en numerosas comunidades (Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela A Mancha, Madrid, Navarra e a Rioxa) cuxos resultados non son previsibles pero que nas que non resulta ariscado adiantar que o Partido Popular (PP) quedará bastante lonxe dos resultados obtidos en Castela-León e Andalucía. 

 

Por esas datas tamén deberán celebrarse as eleccións municipais e cabe facerse a mesma pregunta: que pasará?, confirmarán o actual auxe das dereitas ou volveran as esquerdas a ser as forzas mais votadas (na actualidade gobernan o 70% das grandes cidades)? 

 

Outro factor a ter en conta é o de que a España lle corresponde exercela Presidencia do Consello da Unión Europea no segundo semestre de 2023, polo que as eleccións se celebrarían estando o actual  Goberno (PSOE/UP) exercendo dita presidencia, o que significa que terá seis meses de campaña electoral e exposición mediática. 

 

Cabe supoñer que tanto PSOE como UP tentarán de non desaproveitar a vantaxe política que iso
lles reporta. Velaí suficientes razóns obxectivas para poder afirmar que calquera vaticinio que se
faga ás alturas de hoxe en día sobre o resultado das eleccións xerais do 2023 non merece ser tomado en consideración.

 

Pedro sanchez primarias 1 2
Archivo: Pedro Sánchez, actual presidente del Gobierno

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE