Á planta de biogás da Laracha crécenlle máis voces en contra, co BNG levando o caso ao Parlamento
Os nacionalistas galegos súmanse á mobilización cidadá en Soandres e advirten a todos os partidos de que deberán ser coherentes na Cámara autonómica co rexeitamento unánime que xa expresaron no pleno municipal
A presión veciñal contra a planta de biogás proxectada en Vista Alegre, na parroquia de Soandres (A Laracha, A Coruña), segue crecendo. O pasado luns 13 de abril, o BNG acudiu a unha asemblea convocada polos residentes do lugar para mostrar o seu rexeitamento á instalación que a empresa Bioenergía A Coruña quere levantar a beiras do río Anllóns, en terreo rústico de protección ordinaria e nas inmediacións de vivendas habitadas.
Á reunión asistiron a portavoz municipal do BNG na Laracha, Carolina Castiñeiras, e os deputados no Parlamento de Galicia Óscar Insua e Xosé Manuel Golpe, xunto a outros membros da formación nacionalista no municipio. Tamén participaron representantes da asociación ecoloxista ADEGA, que informaron os veciños sobre os trámites administrativos en curso e sobre os posibles efectos ambientais negativos para a contorna.
O proxecto que xera esta alarma social leva anos no horizonte da Laracha. A Xunta de Galicia declarou en 2022 de interese prioritario esta iniciativa empresarial, que contempla un investimento superior aos oito millóns de euros e a creación de preto dun centenar de empregos. A planta produciría biometano a partir da descomposición de residuos orgánicos urbanos, agrícolas, gandeiros e industriais, cunha demanda estimada de 60.000 toneladas anuais de materia prima.
A Xunta ABRE O PRAZO DE ALEGACIÓNS
O rexeitamento institucional xa se materializou a finais de marzo, cando a corporación municipal da Laracha votou en pleno de forma unánime en contra do proxecto, cos votos do PP, o BNG e o PSOE. O alcalde, José Manuel López Varela, do PP, asegurou entón que o Concello actuaría en defensa dos veciños e da contorna. Con todo, apenas dúas semanas despois, a Xunta someteu o estudo de impacto ambiental da instalación a información pública, abrindo un prazo dun mes para que calquera persoa ou entidade poida presentar alegacións.
O emprazamento elixido pola promotora presenta condicionantes significativos: linda ao sur co río Anllóns, unha liña eléctrica atravesa a parcela e na zona norte localízanse restos arqueolóxicos da Mámoa de Chousa Grande. A ocupación prevista sería duns 16.500 metros cadrados sobre un total de 95.070.
O BNG ESIXE COHERENCIA NO PARLAMENTO GALEGO
Desde o BNG, Castiñeiras celebrou que toda a corporación rexeite o proxecto, pero foi máis aló e lanzou un aviso directo aos demais grupos políticos. A portavoz nacionalista reclamou que os partidos que se opuxeron no pleno da Laracha manteñan a mesma postura no Parlamento galego, apoiando unha regulación que protexa aos veciños deste tipo de instalacións e impida o que o BNG cualifica de "espolio" do territorio por parte de empresas foráneas.
Escribe o teu comentario