Cadáver encadeado aparece flotando no porto de Ribeira
A aparición do cadáver dun home de mediana idade no porto de Ribeira xerou unha gran conmoción na localidade coruñesa. O descubrimento tivo lugar pouco antes do sete da mañá, cando un transeúnte observou os restos semisumergidos entre unha embarcación pesqueira, chamada Vos tres de sempre, e unha escaleira do peirao. Tras alertar a unha persoa que adoita durmir no barco, ambos deron aviso aos servizos de emerxencia.
Até o lugar desprazáronse unidades da Policía Nacional, Garda Civil, Policía Científica e Bombeiros de Ribeira, xunto cunha lancha de Salvamento Marítimo que permitiu acceder até o corpo. Os efectivos empregaron unha cizalla para romper as cadeas e liberar ao falecido, cuxo corpo estaba amarrado e cadeado nunha posición que chamou especialmente a atención dos investigadores.
Polo momento, sábese que a vítima é un home de entre 30 e 40 anos, con barba e bigote, que podería ser veciño do municipio, aínda que levaba tempo residindo en Porto do Son. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, desprazouse ao lugar ao coñecer os feitos e confirmou esta información, sinalando que o falecido era natural da localidade. Tamén acudiu o patrón maior José Antonio Pérez, para seguir o desenvolvemento do operativo.
Unha vez liberado o corpo, foi trasladado ao peirao á espera do xuíz, que se encargou do levantamento do cadáver. A Policía mantén acordoada a zona mentres a investigación continúa. Segundo fontes policiais, non se descarta ningunha hipótese, desde unha posible morte violenta até un suicidio, e estase recompilando toda a información á espera dos resultados da autopsia.
Un porto sen vixilancia efectiva
O achado tivo lugar xusto fronte ás casetas dos usuarios do porto, unha zona onde se denunciou en repetidas ocasións a presenza de persoas sen fogar durmindo nos corredores. A poucos metros atópase a sede de Portos de Galicia, cuxa fachada dispón de varias cámaras de videovigilancia que, segundo usuarios do porto, non funcionan desde fai máis de quince anos. Este feito podería complicar o esclarecemento do suceso.
A única cámara operativa do recinto está situada no peirao industrial, ao outro extremo do porto. As autoridades esperan que as súas imaxes, captadas cun potente zoom, poidan achegar datos relevantes, aínda que a escuridade da madrugada podería limitar a visibilidade dos rexistros.
Consternación en Ribeira
O incidente sorprendeu profundamente aos veciños, que describen un ambiente de incredulidade e preocupación. O porto, espazo habitual de traballo e paso no día a día da vila, amenceu acordoado e cun amplo dispositivo de seguridade. Os labores de investigación centráronse durante toda a mañá en determinar as circunstancias dunha morte que, segundo fontes da investigación, presenta elementos inusuais” pola forma na que apareceu o cadáver. Segundo adianta O Correo, o corpo apareceu amarrando á escaleira que baixa desde o peirao cara ao mar, usando unha especie de cadea ou esposas.
A Policía Nacional traballa con distintas liñas abertas para esclarecer os feitos. Os resultados da autopsia, que se esperan nos próximos días, serán clave para confirmar a causa da morte e determinar si tratouse dun acto violento ou dun estraño suicidio.
Escribe o teu comentario