A Xunta non ve "irregular" os 172.000 euros pagos con Feijóo ao despacho de Montoro

O PSdeG leva meses reclamando a documentación completa de trece encargos realizados "a dedo" durante a etapa de Feijóo, mentres o Goberno galego acusa á oposición de "montar algarada política"
 


|

Archivo - El exministro de Hacienda y Función Pública Cristóbal Ricardo Montoro comparece ante la comisión de Investigación sobre la denominada ‘Operación Cataluña’, en el Congreso de los D
Arquivo - O exministro de Facenda e Función Pública Cristóbal Ricardo Montoro

 

O Parlamento galego volveu ser escenario este martes do pulso entre a Xunta e a oposición polos trece contratos menores que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo adxudicou entre 2009 e 2011 a Equipo Económico, a consultora fundada polo exministro Cristóbal Montoro, actualmente investigado por presuntos delitos de organización criminal, tráfico de influencias e suborno. O importe total deses encargos ascendeu a 172.838 euros.

 

 

Na Comisión de Economía da Cámara, a deputada socialista Patricia Igrexas denunciou que a Xunta mantén unha actitude de "opacidade" e "falta de transparencia" ao redor duns contratos adxudicados sen concurso público. Igrexas lembrou que o Grupo Parlamentario Socialista accedeu o pasado setembro aos expedientes e detectou informes sen asinar, borradores sen data, documentos sen identificación do persoal responsable e textos xenéricos que se limitaban a reproducir normativa fiscal estatal. Entre esa documentación figuraba un arquivo en formato PowerPoint relativo á fusión das caixas galegas.

 

O secretario xeral técnico da Consellería de Facenda, David Cabañó, rexeitou frontalmente as acusacións. Sostivo que todos os contratos "cumpren cos requisitos normativos" tanto desde o punto de vista administrativo como orzamentario, e lembrou que xa compareceu ante a Cámara por este asunto o pasado setembro, cando se puxo a disposición dos grupos parlamentarios "en tempo e forma" toda a documentación.

 

 

A Xunta DEFENDE A VALIDEZ DOS INFORMES

Cabañó non eludiu a polémica sobre o formato dos traballos entregados. Defendeu que un PowerPoint "pode ser tan válido como calquera outro soporte" e subliñou que todos os encargos contan con memoria xustificativa por razóns de urxencia ou materia. Tamén rexeitou a acusación de opacidade ao sinalar que toda a documentación estivo dispoñible nas dependencias de Facenda, aínda que precisou que o BNG non fixo uso dese acceso mentres que o PSdeG si o fixo.

 

O representante da Xunta foi máis lonxe e acusou ao PSdeG de "demagoxia", argumentando que durante o bipartito socialista-nacionalista tamén se recorreu a consultoras externas para encargar informes. Cualificou o debate de "cuestión para montar algarada política" e lembrou á oposición que, se consideran que existen irregularidades, dispoñen doutras canles legais e xudiciais para actuar.

 

 

O PSOE PIDE Os EXPEDIENTES ÍNTEGROS

Fronte a esa posición, Igrexas insistiu en que a documentación solicitada formalmente ese mesmo setembro segue sen ser remitida, o que a xuízo do PSdeG vulnera os principios de transparencia e control democrático. 

 

 

A deputada cualificou de "escandaloso" que a Xunta adxudique contratos a un despacho investigado penalmente por presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias, e esixiu a entrega íntegra de todos os expedientes. A Xunta non fixou ningún prazo para esa entrega.

 

QUE ES EQUIPO ECONÓMICO?

Fundado en 2006 polo exministro de Facenda Cristóbal Montoro (orixinalmente chamado Montoro e Asociados), este despacho pode ser considerado a paradigma do que en política se coñece popularmente como "portas xiratorias". Especializado en asesoramento estratéxico, fiscal e regulatorio, tras a súa saída para integrar o Goberno de Rajoy, o despacho de Montoro quedou en mans do seu núcleo duro, incluíndo ao seu irmán Ricardo Montoro e a antigos altos cargos do Ministerio, como Ricardo Martínez Rico.

 

A relación entre o Goberno galego e a consultora non foi un feito illado, senón unha serie de adxudicacións que se concentraron especialmente na primeira e segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo, cos acordos sometidos ahoa ao escrutinio da oposición. 

 

Montoro feijoo hacienda
Montoro e Feijóo

 

A Xunta xustificaba entón estas contratacións pola necesidade de informes externos expertos para redeseñar a estratexia industrial de Galicia, captar fondos europeos ou analizar o impacto de normativas estatais nas arcas autonómicas. O #IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) foi un dos brazos executores máis frecuentes para estes contratos.

 

Desta maneira, adxudicáronse diversos contratos, algúns mediante procedementos que a oposición tachou de "opacos" ou "a dedo" (contratos menores ou negociados sen publicidade), para analizar sectores como o naval ou o enerxético. Estímase que o volume de contratos superou os varios centos de miles de euros ao longo dos anos. Só en 2011, por exemplo, transcenderon informes sobre a situación financeira da comunidade por importes que roldaban os 50.000 ou 60.000 euros por documento.

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE