DIGI despraza traballadores desde Asturias para boicotear a xornada de folga en Galicia, denuncia CIG
Traballadores de DIGI manteñen a folga contra un convenio que, denuncian, empeora as súas condicións e salarios.
Nova xornada de protesta dos traballadores da empresa de telecomunicacións DIGI, e xa van tres días de paros na compañía desde a firma dun convenio con UXT e CC.OO. moi criticado por outras centrais sindicais, como a Confederación Intersindical Galega (#CIG), que convocou a protesta deste xoves no Centro Comercial Marineda City da Coruña, onde a compañía conta cunha tenda física.
"ACTUACIÓN ILEGAL"
Na mobilización da Coruña, a CIG acusa á empresa de tentar boicotear a folga con esquiroles desprazados desde Pontevedra e Asturias "para que fagan o traajo dos compañeiros en folga que protestan contra o recorte de "as condicións salariais e laborais".
"Esta actuación ilegal foille comunicada a Inspección de Traballo para que incorpore estes feitos e amplíe a denuncia presentada o martes pola CIG por unha práctica similar, pero naquel día con persoal trasladado desde Madrid", abundan desde o sindicato, á vez que detallan que a compañía enviou en días anteriores "correos ameazadores" ao comité para tratar de frear a folga.
Desde a CIG fan un chamamento á dirección para que poña fin a este tipo de prácticas e abra un proceso de diálogo donda dar "resposta ás lexítimas reclamacións do conjnto de traballadores", que pasan por asumir as condicións do convenio do siderometal da Coruña e non as do convenio de empresa asinado en Madrid "sen contar coa participación de todos os sindicatos con representacións nos comités nin coa opinión do conxunto do persoal só ten como obxectivo precarizar as condicións de traballo, afastar as relacións laborais dos centros de traballo e debilitar calquera resposta colectiva".
PROTESTAS COORDINADO?
Sen unha resposta por parte da compañía, desde a CIG avanzan que no escenario actual non descartan que as protestas vaian a maiores, tendo en conta que xa sen iniciaron contactos cos comités doutras provincias e con outros sindicatos con representación co obxectivo de "articular unha resposta máis ampla contra a aplicación efectiva do convenio de empresa (que aínda non foi publicado), pero que suporía un duro golpe aos dereitos do persoal".
Escribe o teu comentario