Miguel Fernández, alcalde de Lugo, sucede a Luís Nobre na presidencia do Eixo Atlántico
O alcalde de Viana do Castelo pasará á vicepresidencia do Eixo, que aprobou os seus orzamentos, pendentes de ratificación da Asemblea Xeral, para 2026.
Este lunese tivo lugar en Lugo o traspaso de poderes á fronte do Eixo Altántico do Noroeste Peninsular, onde Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo, entregou a presidencia do ente transfronteirizo a Miguel Fernández, alcalde da cidade amurallada e, desde hoxe, cabeza visible da organización que defende os intereses da Eurorrexión que forman Galicia e o Norte de Portugal.
PRESIDENCIA E ORZAMENTOS
O acto da Comisión Executiva do Eixo tivo lugar en Lugo, coincidindo coa celebración dos 25 anos desde que a muralla romana foi declarada Patrimonio Mundial da Humanidade, unha categoría pola que fixeron campaña desde o Eixo, que o ano pasado cumpriu as súas tres décadas de percorrido.
A chegada de Miguel Fernández á presidencia non significa, no entanto, a retirada do luso Luís Nobre da primeira liña da entidade, senón que o de Viana do Castelo agora pasa á vicepresidencia do Eixo. No encontro da Comisión aprobáronse, entre outras cousas, o informe de xestión do presidente, así como o programa e o orzamento para 2026.
Aínda que co voto favorable da Comisión, non será até a reunión da Asemblea Xeral, datada para febreiro de 2026, cando se ratificarán as contas do Eixo cifradas en 5,1 millóns de euros, que xa traballa en iniciativas como a creación dun Consello Estratéxico, onde formarán parte persoas de valor con participación relevante na traxectoria do Eixo e hoxe retiradas da actividade política. Neste órgano compartiranse as que serán as liñas estratéxicas para a actuación do Eixo, así como ser un lugar de debate sobre os asuntos máis relevantes.
Por outra banda, púxose o foco sobre a inauguración da XV Edición da Bienal de Pintura do Eixo Altántico, que se celebrará o 27 de novembro en Viana do Castelo para saltar, en maio de 2026, á localidade de barbancesa de Ribeira, mes no que Vilalba, unha das máis recente incorporacións á entidade, será sede da Mostra Musical do Eixo.
Escribe o teu comentario