VÍDEO | Ten oco un galego na lista de De la Fuente para o Mundial? Con golazos como o de Wembley podería ser
O centrocampista coruñés do Manchester City está a callar unha sensacional tempada no cadro sky blue.
A Nico González nunca lle pesaron nin o apelido -cousas de ser o fillo dunha lenda como Fran, emblema do mellor Deportivo da Coruña da historia- nin a camiseta, despois de vestir as zamarras dalgúns dos mellores clubs do continente, como Barça, O Porto ou Manchester City. No Etihad é onde atopou a súa mellor versión, dando un paso a fronte esta tempada despois de chegar en xaneiro de 2025 e aclimatar ao que lle pedía Guardiola, que atopou nel un metrónomo e un futbolista capaz de decidir partidos, como ocorreu o pasado sábado en Wembley.
UN GOL PARA SOÑAR CO TRIPLETE
Corría o minuto 87 na primeira semifinal da FA Cup que enfrontou ao Manchester City e ao Southampton nun partido onde os mancunianos non foron por diante do marcador até os minutos finais. A esas alturas do xogo, Doku igualara minutos antes a tanto inicial de Azaz, que parecía mandar á lona aos de Guardiola. Os branquivermellos estaban ben plantados e ao City facíanselle bóla os metros finais, momento no que apareceu Nico.
O galego recibiu na frontal, controlou, gañou un metro, alzou a cabeza e conectou un potente derechazo que se coou por toda a escuadra da meta de Peretz, levando a decepción á bancada dos saints e a euforia á outra metade de Wembley, ocupada polos incondicionais dos sky blue.
Non foi o único achegue de Nico no partido, que completou 79 dos 82 pases que intetó en todo o partido, 36 deles no terzo final do campo, falando ás claras da importancia da súa presenza cerca da área rival. Ademais gañou máis da metade dos duelos e mostrouse imperial por alto, cortando toda intento dos rivais. Con todas estas accións foi merecedor do premio ao mellor xogador do partido.
Despois de conquistar a Carling Cup contra o Arsenal (primeiro título de Nico co seu novo club), o City medirase ao Chelsea noutra final o próximo 16 de maio. Entre medias, os de Manchester, que marchan segundos na táboa detras do cadro gunner, tratarán de manter a súa boa serie en liga: cun partido menos que o Arsenal son segundos, só tres puntos por baixo, pero coa vantaxe dos goles a favor moi axustada nestes momentos. De manterlle o puslo aos de Arteta e celebrar outra vitoria en Wembley contra o sempre contraditorio Chelsea, o City podería conquistar un triplete histórico e inesperado por como arrincou a campaña, con moitas dúbidas no equipo de Guardiola.
O MELLOR SUBSTITUTO DE RODRI
O que nunca dubidou foi precisamente Nico, que tivo unha tarefa moi difícil: suplir a todo un Balón de Ouro como Rodri. O internacional español segue arrastrando problemas musculares e agora mesmo está entre algodóns. Na Premier só xogou 20 partidos, polas 23 presenzas de Nico, que tamén xogou máis en Champios, EFL Cup e FA.
Nico creceu este ano tanto en peso como en valor de mercado, alcanzado os 45 millóns. O seu prezo foi de 60 quilos, polo que de manter esta progresión ao City pode saírlle até barato o galego, que podería ocupar o sitio de Rodri tamén na Selección Española. Luís De la Fuente seguiuno con atención estes meses, consciente de que xogadores como Meiriño tamén atravesaron dificultades este ano e que necesita músculo no medio no Mundial deste verán.
Nico, que coñece o rol, podería facer de Rodri que dá xenio e achegar moito máis en campo rival. Se buscan un substituto, téñeno sentado ao seu lado no vestiario do City. Nico González pode ter un oco na lista de De la Fuente ao Mundial
Escribe o teu comentario