Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do Laboratorio de Cantigas Novas de Ortigueira
O Laboratorio de Cantigas Novas (LAB) abre a súa convocatoria para 2026 co reto de transformar a tradición oral en composicións actuais, baixo a tutela de figuras como Mondra ou Doures Tembrás.
O norte de Galicia volve situarse como o epicentro da vangarda sonora. O Concello de Ortigueira, a través do departamento formativo do seu emblemático Festival Internacional do Mundo Celta, puxo en marcha a segunda edición do Laboratorio de Cantigas Novas (LAB). Esta iniciativa, que conta coa coordinación da Escola de Gaitas de Ortigueira, busca superar a fase de mera preservación do folclore para situar a invención artística no foco principal.
As persoas interesadas en formar parte deste proxecto teñen até o 16 de febreiro ás 23:59 horas para solicitar unha das 25 prazas dispoñibles. O programa, aberto a maiores de 16 anos, non esixe títulos académicos previos, priorizando a inquietude pola escritura e a música. Segundo os responsables da dirección, o obxectivo non é calcar estruturas antigas, senón facilitar "ferramentas para que, coñecendo a fondo a raíz e os códigos da oralidad, poidan narrar o seu propio tempo".
Baixo a batuta artística e executiva dos compositores Ugia Pedreira e Óscar Górriz, o LAB 2026 desenvolverase durante cinco meses, culminando en xullo. Os resultados deste proceso creativo presentaranse oficialmente durante a próxima edición do Festival de Ortigueira, integrando así o traballo do alumnado no circuíto profesional.
MÁXIMA EXCELENCIA NAS MESTRÍAS
O claustro deste ano destaca pola súa heteroxeneidade e prestixio. O artista Mondra, referente do pop electrónico con base tradicional, liderará a renovación da lírica desde unha óptica moderna. Pola súa banda, o musicólogo Manolo Rico encargarase de analizar os cancioneros galegos e os mecanismos para transformar as pezas clásicas. No apartado literario, o poeta e filóloga Doures Tembrás impartirá o taller "A palabra que atravesa", centrado na liberdade do verso e as dinámicas de escritura contemporánea.
A formación técnica complétase con Sergio da Ossa, experto en arquivos, quen profundará nas variacións de ritmos e melodías tradicionais. Así mesmo, Pedro Pascual e Pablo Hernández Mejías asumirán a dirección musical e os arranxos, propondo un diálogo armónico entre a identidade galega e as sonoridades do arco atlántico, Europa e o Caribe.
Ademais das clases maxistrais, o proxecto busca este ano unha maior implicación coa contorna social da comarca. A organización desexa que Ortigueira, coñecida mundialmente polo seu festival estival, funcione tamén como "canteira autoral" durante o resto do calendario, desestacionalizando a actividade cultural da zona.
OFF-LAB E INMERSIÓN NO TERRITORIO
Como gran novidade para este exercicio nace o OFF-LAB, un ciclo de talleres abertos a toda a cidadanía que rompe as paredes da aula. Nestas sesións, a formación en regueifa correrá a cargo de Lupe Blanco, mentres que Fransy González ocuparase do canto e a pandereita de Bergantiños. O apartado de percusión menor estará liderado por Ramón Dopico.
Este enfoque vivencial refórzase cunha programación que recupera o valor social da música. Os alumnos non só participarán en xornadas de estudo, senón tamén en almorzos comunitarios e foliadas nas diferentes parroquias do municipio, integrando a aprendizaxe no seu contexto natural.
Escribe o teu comentario