O Dépor déixase ir e encaixa outra goleada contra a Real
Albentosa, que se estreou como capitán, recoñece que o equipo está "afundido". Lucas Pérez fala de "vergoña".
Albentosa ve o equipo "animicamente afundido". Foto: RC Deportivo
O Dépor encadeou este venres en Anoeta outra derrota máis e converteuse no equipo máis goleado da liga. O asubío final deixou un 5-0 no marcador, pero para o equipo que dirixe Cristóbal, o partido rematou moito antes.
O adestrador manifestou na sala de prensa de Anoeta que "é imposible facelo peor" e asumiu ser "o responsable de que non rendesen como deberían". "Despois do segundo gol baixamos totalmente os brazos e deixamos de competir", engadiu.
Nesta liña manifestouse tamén Raúl Albentosa, que estreou o seu rol de capitán. "Deixámonos ir ao final e metéronnos cinco", destacaba, para admitir que "non demostramos nada futbolísticamente e animicamente o equipo está afundido".
Pola súa banda, Lucas Pérez tamén atendeu os medios e declarou que "fixemos o ridículo hoxe aquí en Anoeta. Viñemos, paseamos todos, eu o primeiro. Vergoña nada máis".
Entende que os afeccionados sintan vergoña: "Tamén a sinto eu. Eles están impotentes, non poden facer nada. Ven que imos á deriva. É así como se senten e como sentimos nós tamén".
A primeira parte, e ao final do partido, foi un monólogo do equipo donostiarra. Anotou o primeiro á media hora e tivo máis ocasións para ir ao descanso con máis vantaxe. Mentres tanto, o Dépor tiña moitos problemas para sacar o balón xogado e ter o dominio do mesmo.
Os mellores minutos do Dépor foron tras a continuación, pero só foi un espellismo. Pasado o minuto 60 a Real marcou o segundo e apropiouse do partido.
Escribe o teu comentario