Non haberá palacio da ópera no Gaiás, será un gran xardín
O baleiro deixado pola paralización do Teatro da Música reinvéntase.
Baleiro deixado pola obra.
A Consellería de Cultura puxo en marcha a transformación do baleiro deixado pola paralización do Teatro da Música do Gaiás nun xardín de 11.574 metros cadrados, denominado Xardín do Teatro, que contará con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza.
A intervención terá custo cero para a Xunta, xa que se financiará a través dunha reestruturación dos orzamentos xa aprobados para a Cidade da Cultura, transferindo a esta actuación unha partida de 1,8 millóns de euros consignados á segunda fase da urbanización do complexo.
Con esta área verde, avánzase no plan para optimizar o uso dos espazos exteriores e resólvese o impacto estético negativo que supón o oco deixado pola paralización do Teatro da Música. O proxecto enmárcase no Plan de Humanización do Gaiás, un programa de actuacións no que se está desenvolvendo a segunda fase do Bosque de Galicia e no que se levou a cabo o Xardín Literario, o Parque do Lago e o da Balea.
As obras estarán finalizadas en 2019. En total plantaranse 3.840 plantas e 187 árbores de 30 especies procedentes de zonas con clima oceánico e morno, de países como Xapón, Nova Zelandia, a costa noroeste dos Estados Unidos ou a costa sur de Chile.
Escribe o teu comentario