Unha tarde de multas e informes para mellorar o estado da estrada
A Garda Civil denunciou o domingo a 40 condutores nun control na estrada AC-840, onde aumentaron os accidentes.
Na AC-804 aumentaron os accidentes.
A Garda Civil formulou un total de 40 denuncias en materia de seguridade viaria na tarde do pasado domingo, día 21, durante un control na estrada AC-840, ao seu paso por Melide, segundo informa o Instituto Armado.
Nesta vía que une o municipio coruñés de Betanzos e o pontevedrés de Agolada, a Benemérita incrementou os controis ante o aumento de accidentes.
Para iso, o Sector de Tráfico mobilizou esta fin de semana a varias patrullas "que extremaron a vixilancia sobre aspectos como a velocidade, o consumo de alcol e drogas ao volante nunha vía que conta cun especial incremento de circulación as fins de semana", explica.
TIPO DE DENUNCIAS
Ademais, indica que só o domingo pola tarde se formularon 40 denuncias en materia de seguridade viaria das cales 15 foron relativas a condicións técnicas dos vehículos.
Así mesmo, detectáronse seis condutores que superaban a taxa de alcol e outros seis condutores que deron resultado positivo por presenza de drogas no organismo.
Tamén se detectou un condutor que carecía de permiso de condución, polo que se instruíron dilixencias para a celebración dun xuízo rápido.
Xunto á vixilancia e control, a Garda Civil elaborou diversos informes de mellora da vía. "Trátase de propostas de mellora da infraestrutura que poden contribuír a reducir os sinistros na zona", explica.
Escribe o teu comentario