O maior punto negro de España sitúase na nacional 120, entre Lugo e Ourense
En todo o país aumentan un 10% os quilómetros de estrada con risco elevado de accidentes.
O 17,5% das estradas galegas teñen risco elevado.
O número de quilómetros das estradas españolas cun risco elevado de accidentes incrementouse nun 10 por cento e o tramo de maior risco atópase na estrada N-120 entre Lugo e Ourense. Así se desprende do décimo cuarto informe que analiza o nivel de risco na Rede de estradas do Estado no que participa o Real Automóbil Club de España (RACE)
Do total de 24.899 quilómetros analizados, o estudo informa do incremento de quilómetros de estrada de maior risco, pasando de 3.264 rexistrados o ano pasado, aos 3.595 quilómetros de nivel vermello e negro da actual campaña.
Para a realización do estudo tivéronse en conta 4.096 accidentes ocorridos na Rede de Estradas do Estado nos anos 2014, 2015 e 2016, dos cales 1.035 foron mortais cun saldo de 1.217 falecidos, e 3.061 graves cun saldo de 4.146 feridos graves. Todos estes accidentes asignáronse a 1.389 tramos de vías cunha lonxitude de máis de 24.899 kms.
Un 72% dos tramos presentan un 'Risco Baixo' ou 'Medio-Baixo'; o 13,5% que presenta un 'Risco Medio'; e un 14,5% dos tramos presentan un 'Risco Alto' ou 'Medio-Alto', que suman un total de 3.595 km na RCE catalogados como de 'Risco elevado' (vermello) dos cales 1.101 km son de 'Risco Alto' (negro).
NOVE ACCIDENTES GRAVES EN 14 QUILÓMETROS
O primeiro tramo de risco deste ano é a N-120, entre os quilómetros 535,2 e 549,5, entre o principio da vía rápida na coenxión de Seguín (Lugo) e a conexión de Penalva (Ourense). Nos seus 14,3 quilómetros de lonxitude, cunha intensidade media diaria de 4.244 vehículos, producíronse nove accidentes graves nos 3 anos obxecto de estudo, cun falecido e 11 feridos graves, manténdose por terceiro informe consecutivo como tramo de 'Risco Alto'.
Por comunidades, Aragón convértese na rexión que presenta unha maior proporción de estradas consideradas de 'Risco Elevado', co 23%, seguida de Cantabria co 20,7%, Asturias co 17,7%, Castela e León co 17,6% e Galicia co 17,5%.
O perfil de tramo con nivel de risco elevado correspondería a unha estrada convencional de calzada única, con interseccións ao mesmo nivel e cunha IMD por baixo de 10.000 vehículos/día (todos os tramos negros corresponden a estradas con entre 2.000 e 10.000 vehículos día).
Escribe o teu comentario