A crise catalá leva ao FMI a rebaixar a súa previsión de crecemento para España
O prognóstico pasa do 2,5 ao 2,4%. En cambio, para 2019 mellora a súa estimación.
O Fondo Monetario Internacional (FMI) revisou unha décima á baixa o seu prognóstico de crecemento para España en 2018, que se sitúa así no 2,4%, segundo anunciou a institución internacional na actualización do seu informe 'Perspectivas Económicas Mundiais', sinalando o impacto da incerteza política como principal motivo desta rebaixa.
"O crecemento en España, que estivo moi por encima do potencial, reduciuse lixeiramente para 2018, reflectindo os efectos da maior incerteza política sobre a confianza e a demanda", explica o FMI.
Deste xeito, España é a única entre as grandes economías que ve recortado o seu prognóstico de crecemento para 2018, aínda que se mantén como a de maior crecemento entra as principais economías europeas, superando a media do 2,2% anticipada para a eurozona, e só por detrás de EEUU, cunha expansión do 2,7%, entre as economías avanzadas.
Con todo, de cara ao exercicio 2019, as previsións do FMI contemplan unha expansión da economía española do 2,1%, unha décima por encima do anterior prognóstico da institución dirixida por Christine Lagarde, o que permitirá a España seguir crecendo por encima da media da zona euro, previsto no 2%.
BANCO DE ESPAÑA E GOBERNO
As proxeccións de crecemento do FMI coinciden así coas publicadas polo Banco de España, que prevé unha expansión do 2,4% en 2018 e do 2,1% en 2019 ao ter en conta tamén a incerteza pola situación en Cataluña.
Pola súa banda, o último prognóstico oficial do Goberno, publicado o pasado mes de outubro, o crecemento previsto para 2018 rebaixouse ao 2,3% desde o 2,6% para ter en conta o impacto da situación política en Cataluña polo desafío independentista, así como a ausencia dos Orzamentos de 2018.
"SEN MOITA IMPORTANCIA"
O gobernador do Banco de España, Luís María Linde, considera que a revisión á baixa do crecemento de España ata o 2,4% efectuada polo Fondo Monetario Internacional (FMI) este luns "non é moi significativa".
"En previsións desta natureza, unha revisión dunha décima non é moi significativa, non ten moita importancia", espetou Linde durante a súa intervención nun coloquio organizado por 'Club Siglo XXI'.
Escribe o teu comentario