Borges: "Non merecemos estar en descenso pero é a realidade e hai que saír"
O centrocampista advirte, sobre o Madrid, que "son os mesmos xogadores que gañaron todo hai un ano".
Celso Borges confía en "rectificar" nesta volta. Foto: RCDeportivo
Cada xogador do Dépor que fala ante a prensa manifesta o mesmo sentir sobre o rumbo do equipo. Na mesma liña que os seus compañeiros, Celso Borques cre, sobre a posición que ocupan na táboa, que "non merecemos iso pero é a realidade e de aí hai que saír". Para iso, apela a "rectificar" na segunda volta.
A próxima oportunidade para o equipo branquiazul pasa por facerlle fronte ao Real Madrid, ao que Borges segue vendo "potente" aínda que atravese unha xeira negativa. "Son os mesmos xogadores que gañaron todo hai un ano", lembra o costarriqueño.
A este choque non acudirá, xa seguro, Albentosa. O club confirmou que está a recibir tratamento médico e de fisioterapia polas súas molestias nas costas. Outro que pode perder o encontro é Sidnei, con problemas na coxa e que deixaría minguada a defensa.
Ante estas posibilidades, Cristóbal parece decantarse por unha liña de cinco homes atrás. "Está dentro das variacións que pode presentar o míster co que quere facer e é o noso traballo acatalo", recoñeceu Borges.
E ante os últimos rumonres sobre os contactos para incorporar a M'Bia, ex do Sevilla, o xogador veo como "un futbolista que ten cousas que podería achegar ao grupo, coma todos e creo que nos axudaría a completar o obxectivo".
Con todo, distintos medios sinalan como obstáculo a ficha do xogador camerunés, que rolda os catro millóns, lonxe das posibilidades do Dépor.
Escribe o teu comentario