O Dépor tratará de "fozar na ferida" do Madrid
Mosquera defende que o equipo está ben de actitude e que queda toda unha volta para remontar.
Pedro Mosquera cre que "non sería malo" un punto. Foto: RC Deportivo
O Dépor prepara xa o choque ante o Real Madrid no Bernabéu, un partido no que os coruñeses esperan puntuar. Así o contou este mércores Pedro Mosquera ante a prensa.
"Nós agora necesitamos sumar de tres en tres, pero tendo os pés na terra", afirmou, polo que un empate "non sería malo" para o capitán deportivista.
En fronte atopan un equipo que atravesa un momento complicado. Conscientes de que o Madrid "está a ter malos resultados", os branquiazuis tratarán de "fozar un pouco na ferida" para tentar "sumar de tres en tres".
Mosquera aférrase ás "fases" dos últimos partidos onde o Dépor xogou bos minutos. Ademais, considera "clave" non encaixar nos primeiros minutos, unha materia pendente, para apertar ao rival, ansioso de gol.
O capitán recoñece "unha mala primeira volta" para os intereses do equipo herculino, pero lembra que queda toda a segunda volta. Para iso, insiste en que "o equipo a nivel de actitude e compromiso está ben".
No persoal, conta que Cristóbal lle pide máis presión sen balón e que se está adaptando. Tamén tivo palabras para a afección, á que lle agradeceu o seu apoio mesmo despois de varios anos sufrindo.
Escribe o teu comentario