​Vendedores do mercado da Pedra aceptan multas polas falsificacións

Só dous dos acusados irá a xuízo, ao non chegar a acordos coa Fiscalía.


|

Xuízo pedra


O xulgado do Penal número 2 de Vigo condenou a 26 dos 42 vendedores do mercado vigués da Pedra procesados por delitos contra a propiedade industrial (venda de roupa de marca falsificada) a penas de entre 3 e 18 meses de prisión, e ao pago de multas por diferentes contías.


A vista previa para decidir se se chegaba a un acordo ou se celebraba xuízo estaba fixada para este venres, e 26 das persoas implicadas chegaron a acordos de conformidade coa Fiscalía e coa acusación particular, exercida polos representantes dunhas 40 marcas de roupa e complementos.


Así, a maxistrada comunicoulles xa en sala as penas ás que foron condenados. Dous dos acusados, Gemma M.G. e Juan Carlos R.L., foron condenados a 18 meses de prisión por tres delitos contra a propiedade industrial cada un, ao pago de 1.080 euros de multa e a indemnizar solidariamente ás marcas en 19.440 euros.


O resto de procesados foron sentenciados a multas ou penas de prisión de entre 3 e 6 meses, que moitos deles pediron substituír por multas (uns 240 euros) e outros pedirán a suspensión en execución de sentenza. Todos eles deben indemnizar ás marcas en concepto de responsabilidade civil, pero a gran maioría consignaron xa as contías reclamadas ou unha parte destas.


A todos os implicados atribúenselles un ou varios delitos contra a propiedade industrial ou faltas contra o patrimonio. Ademais dos 26 que chegaron a acordo coas acusacións, outros 13 vendedores foron absoltos, e só dous optaron por non conformar e ir a xuízo.


Por outra banda, o xulgado ditará orde de procura e captura para un dos investigados, de orixe portuguesa, que está en paradoiro descoñecido e non se presentou á vista previa.


MACRO XUÍZO


A investigación destes feitos remóntase a varios anos atrás e desenvolveuse en base a tres redadas policiais que tiveron lugar no mercado da Pedra, no Casco Vello de Vigo, nos anos 2006, 2007 e 2010. A Policía incautouse de decenas de miles de pezas e complementos que eran reproducións non autorizadas de coñecidas marcas.


Para a celebración da vista deste venres, e dada a gran cantidade de acusados e avogados, habilitouse a sala de xuízos da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.


A Fiscalía pedía inicialmente penas que oscilaban entre os 6 anos de prisión e 21.600 euros de multa, e os 12 meses de prisión e 16.200 euros de multa; ademais dos acusados por faltas, para quen pedía 1.800 euros de multa. Finalmente, as penas rebaixáronse substancialmente, e todos os acusados pagarán solidariamente as costas a razón de 280 euros cada un.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE