A oposición carga contra as "escusas" para vender un novo atraso do AVE galego

Lembran que a responsabilidade dos orzamentos é de quen goberna e que cando había contas aprobadas "non se executaron".


|

Padornelo tunel ave


Todos os grupos da oposición no Parlamento de Galicia advertíronlle á Xunta e ao Goberno central de que non poden escudarse nos demais partidos e no apoio que necesiten para sacar os orzamentos xerais adiante e cumprir cos prazos da alta velocidade galega.


Así, todas as formacións políticas saíron ao paso das declaracións da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que nunha entrevista na Ser suxeriu que estaba en perigo a execución da conexión coa meseta do AVE debido a que o Goberno central non conta co apoio no Congreso para aprobar os seus orzamentos.


Esta situación, con todo, non se pode achacar aos grupos da oposición segundo eles mesmos denuncian. Así, o portavoz parlamentario de En Marea Luís Villares, as declaracións de Vázquez "van preparando a insignificancia política de Feijóo", que "non manda, non vale nada e é un erro do que os galegos están máis que arrepentidos", porque "non está a defender os intereses" de Galicia.


"QUE CONVOQUEN ELECCIÓNS"


Villares advertiu que, en todo caso, quen ten a "responsabilidade" de gobernar é quen "ten" que buscar as maiorías parlamentarias suficientes para sacar adiante as contas. "Se non saben gobernar, que convoquen eleccións, entre outras cousas, para acabar as infraestruturas", aseverou.


O líder de En Marea aproveitou a súa intervención para incidir en que, en todo caso, a "prioridade" da súa formación política é a conexión interna de Galicia por ferrocarril de proximidade, como a conexión coa provincia de Lugo e Ourense desde os distintos puntos das cidades máis relevantes do eixo atlántico.


"INEFICACIA" E FRACASO


Tamén se pronunciou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que este luns visitou a Cámara galega para reunirse co grupo parlamentario do seu partido. Caballero tachou de "escusa" as declaracións de Ethel Vázquez e cre que en materia de infraestruturas, como a alta velocidade ferroviaria ou o Corredor Noroeste, o PP "busca escusas para non dar conta da súa falta de atención e ineficacia á hora de darlle solución aos problemas dos galegos".


"O PP goberna en España e en Galicia. Teñen maiorías nos dous parlamentos e responsabilidades de goberno. Cando as atencións fundamentais que requiren os galegos non son atendidas, a responsabilidade do fracaso é de Feijóo e de Rajoy", remarcou o líder socialista.


O PP "NON EXECUTOU"


Pola súa banda, a portavoz nacional e parlamentaria do BNG, Ana Pontón, puxo o acento en que o "problema" non son os orzamentos, senón que cando había unhas contas aprobadas "non se executaron".


Hai que "esixirlle ao ministro de Fomento", dixo, que "se execute o orzado". "Estamos a ver un exemplo máis da irrelevancia política de Feijóo", aseverou, respecto de que diga "si a todo o que vén de Madrid" e que "todo ten consecuencias para o noso país".


Pontón asegurou que non "sabe" a quen "vai buscar Feijóo para botarlle a culpa", pero que, en todo caso, Galicia "segue perdendo cada vez máis, máis oportunidades".


"UNHA OBVIEDADE"


Para o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, as declaracións da conselleira non son "unha desculpa" senón "unha obviedade", xa que a posibilidade de que se paralicen as obras por non haber presupostos atende a "un principio básico do gasto".


"Todo novo gasto que non estea cuberto polos orzamentos vixentes leva a unha paralización", lembrou Puy, quen alertou que "todo o que non sexa aprobar uns orzamentos é negativo" porque podería repercutir, ademais de na chegada do AVE a Galicia, tamén poderían atrasarse "todas" as obras que o Estado realiza en Galicia.


Con todo, apuntou que "se están cumprindo os prazos en función dos orzamentos do ano pasado" e que "todo apunta" a que o próximo ano "poderán empezar as probas de liña" para que a conexión de Galicia coa Meseta poida "entrar en servizo en 2020".


relacionada ​O bloqueo dos Orzamentos ameaza con novos atrasos no AVE galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE