O Supremo impídelles aos líderes independentistas asistir aos plenos do parlamento catalán
Xustifica que o seu liderado pode volver convocar mobilizacións cidadás. Rajoy recorrería unha suposta investidura a distancia de Puigdemont.
O xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena impídelles ao ex vicepresidente catalán Oriol Junqueras, ao ex conselleiro de Interior Joaquim Forn e ao ex líder da ANC Jordi Sànchez asistir ao Parlament para tomar posesión como deputados electos e para a investidura, aínda que lles recoñece o dereito a delegar o voto.
No seu auto, lembra que se decretou prisión provisional para evitar o risco dunha reiteración delituosa, así como "mobilizacións cidadás colectivas violentas". "Con estas condicións actuais, afrontar unhas conducións de saída e de retorno do centro penal e facelo coa garantía de que se desenvolverán despexadas do grave enfrontamento cidadán é algo que este instrutor non percibe coa garantía que reclama o mantemento da pacífica convivencia que precisamente xustificou a adopción da medida cautelar", sentencia o maxistrado.
Podes ampliar esta información en Catalunyapress.
RECURSO "INMEDIATO"
E ante a hipótese dun intento de investidura de Puigdemont a distancia, o portavoz do Goberno, Iñigo Méndez de Vigo, asegurou este venres que é necesaria a presenza no Parlament do candidato que queira ser elixido. "O Goberno recorrería inmediatamente calquera artimaña, sen vacilación", confirmou.
Por iso, dixo que a pretensión de Puigdemont de ser investido telemáticamente é "unha falacia" e "irrealizable" porque "vai contra os textos xurídicos, pero sobre todo contra o sentido común". Segundo agregou, xa se viviron xornadas "vergoñosas" no Parlamento en setembro e chegou o momento de "recuperar a normalidade e o sentido común".
Escribe o teu comentario