Os letrados do Parlament inclínanse por rexeitar a unha investidura a distancia
Carme Forcadell rexeita volver asumir a responsabilidade de presidir a cámara autonómica na nova lexislatura.
Parlamento catalán, na anterior lexislatura.
Os letrados do Parlament reuníronse o martes para abordar se é posible investir a Carles Puigdemont a pesar de que se atope en Bélxica. Na súa deliberación, tal e como conta Catalunyapress, inclínanse por defender que a investidura dun candidato debe ser presencial e non se pode levar a cabo a través doutros mecanismos como a vía telemática.
Partidos como ERC e o PP mostráronse partidarios de que os letrados se pronuncien sobre a cuestión, pero por agora ningún grupo político fixo ningunha petición de informe formal.
E nas filas independentistas súmase outra baixa. A presidenta do Parlament, Carme Forcadell, decidiu non repetir no cargo na nova lexislatura. "Forcadell pecha unha etapa", explicaron fontes consultadas por Europa Press, co que agora haberá que buscar outra persoa que queira asumir esta responsabilidade, explica Catalunyapress.
Doutra banda, en Madrid, o exconseller de Interior, Joaquim Forn, e os líderes da Asemblea Nacional Catalá, Jordi Sànchez, e de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart declaran ante o Tribunal Supremo por primeira vez. Como recolle Catalunyapress, os tres acusados por rebelión pediron expresamente declarar, xa que en anteriores comparecencias xudiciais ou ben se negaron a contestar ou o fixeron unicamente para expresar as súas intencións futuras para conxurar a súa permanencia en prisión.
Escribe o teu comentario