Máis 4,15 millóns de euros en Galicia destinados á loita contra a violencia machista
As axudas foron publicadas este martes no Diario Oficial de Galicia.
A Xunta convocou tres liñas de axudas destinadas a mulleres vítimas de violencia machista cun orzamento total de máis de 4,15 millóns de euros. Estas axudas, publicadas este martes polo Diario Oficial de Galicia (DOG), teñen como obxectivo proporcionar ás mulleres apoio económico para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica fronte ao agresor.
A primeira das resolucións ten por obxecto convocar para 2018 as axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero ou vítimas de trata. Poden ser solicitadas ao longo de todo o ano, e dispoñen dun orzamento inicial de 3,7 millóns de euros. A contía media desta axuda sitúase nos 600 euros mensuais, varía entre os 300 e os 800 euros en función do número de menores a cargo ou de se a solicitante ten algún tipo de discapacidade.
A segunda resolución inclúe dúas liñas máis de axuda: as de pago único (nun só pago) e as de indemnizacións (fixadas por sentenza xudicial), dotadas con 400.000 e 55.000 euros respectivamente. Neste caso, o prazo de solicitude comezará a partir deste mércores e finalizará o próximo 30 de novembro. As axudas de pago único van dirixidas a aquelas mulleres con insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.
Pola súa banda, a última liña de axudas está destinada a aqueles casos nos que se incumpriu por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que esta estea fixada por sentenza xudicial.
Escribe o teu comentario