O concello anuncia os gañadores do ‘Premio Manuel Beiras’
Os premios entregaranse este mércores ás 20:00 horas na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
Martiño Noriega e Evaristo Rodríguez na rolda de prensa.
Esta mañá o Concello de Santiago de Compostela anunciou en rolda de prensa os gañadores da Edición XVIII do ‘Premio Manuel Beiras’ que recoñece o uso do galego nas empresas vinculadas ao consistorio compostelán. Nesta ocasión, os premiados foron a produtora creativa ‘Illa Bufarda’ na categoría de usos continuado do galego, a fabricante de xoguetes ‘Brazolinda’ na categoría de nova incorporación ao galego e o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, que recibe unha distinción especial.
O alcalde Martiño Noriega e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, foron os encargados de anunciar aos gañadores. O rexedor recalcou a importancia deste premio e o traballo conxunto realizado polas dúas institucións “para dar a coñecer este galardón que premia o emprego do galego no sector comercial e económico, e que o galego é un valor engadido no tecido económico”.
“Nesta ocasión presentáronse unhas trinta empresas nas distintas categorías” afirmou o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago. Aínda que Rodríguez recoñeceu a elección dos premiados foi unánime, se puxo en valor ás empresas participantes xa que recoñece que “todas son merecedoras do premio” e animándoas a participar nas próximas edicións.
Sobre os premiados, destacou especialmente a distinción outorgada ao Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, xa que o actual decano realizou “un cambio ao propio Colexio” e realizou “un esforzo encomiable en canto á difusión e uso do galego” e pediu que no caso de que a dirección do Colexio de Avogados de Santiago sufra cambios nas próximas eleccións, os novos integrantes “manteñan o labor destes ultimo anos”. “No ámbito da xustiza, como en tantos outros campos, é realmente complicado introducir o galego porque os falaban en galego non sempre eran os mellor vistos” lamentou Evaristo Rodríguez.
A gala de premios celebrarase este mércores ás 20:00 horas na Cámara de Comercio de Santiago. Alí, os galardoados recibirán o premio que consiste nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano e poderán ensinar no seu establecemento a posesión deste premio como garantía de que respectan o idioma de Galicia.
Escribe o teu comentario