​Catro de cada dez traballadores dos municipios galegos son temporais

"O nivel de precariedade supera todos os límites do permisible", subliñan desde Red Localis, que presentou o informe.


|

Funcionarios papeis


A temporalidade afecta a catro de cada dez traballadores de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, que son todos menos as sete cidades. En concreto, o 42,7% dos traballadores destes municipios é persoal laboral temporal.


En cifras, con información de 2016 e 2017, o persoal laboral temporal ascendía a 5.163 traballadores, dun total de 12.104 empregados públicos (2.888 son laborais fixos). Por provincias, a temporalidade rolda o 60% en Lugo e Ourense (58,5% e 58,2%, respectivamente), mentres que é do 40,5% na Coruña e baixa ao 29,4% no caso de Pontevedra.


"O nivel de precariedade supera todos os límites do permisible", segundo advertiu Antonio Javier Ferreira, un dos autores do último informe que presentou este luns a Red Localis, que contén estes datos.


O estudo, Radiografía da xestión de recursos humanos nos concellos de menos de 50.000 habitantes: condicionamentos previos e propostas de solución, establece tamén que é necesario un marco normativo propio que homoxeneice os criterios para este tipo de municipios.


Así o destacaron Alberto Vaquero e Miguel Ángel Santirso, quen, xunto con Concepción Campos --que non participou na rolda de prensa--, completan a listaxe de autores.


OBXECTIVO DO 8%


Na súa intervención, Santirso explicou que a precariedade afecta á credibilidade destas administracións locais, lastradas pola conflitividade xurídica que leva a que numerosos empregados públicos se convertan en indefinidos, aínda que non fixos.


Ferreira, pola súa banda, criticou o "desinterese" do lexislador, tanto estatal como autonómico, nestes concellos, e comentou que os orzamentos xerais aprobados en xuño abren a porta a procesos de consolidación, co obxectivo "ideal" marcado pola Unión Europea de reducir ata o 8% a temporalidade "no futuro".


Fronte a isto, Vaquero sinalou que a taxa de persoal "tende a subir", nun escenario de políticas "conxunturais e de parcheo" no que os programas subvencionados, ben polo Goberno central ou ben polo Executivo autonómico, acaban facendo que sexa "o concello o que soporta o custo final".


E é que, nun contexto no que funcionan "claves clientelares", segundo indicou, ante reducións de financiamento, os consistorios "seguen tendo o persoal", e, por tanto, a obrigación de sufragar os seus soldos.


Respecto diso, o documento da Red Localis recolle unha referencia ás retribucións "moi baixas" que se dan nalgúns destes concellos de menos de 50.000 habitantes, con supostos nos que a temporalidade chega a ser igual ou superior ao 70%, segundo apuntou Ferreira.


SOLUCIÓNS


O estudo expón varias "solucións" para combater a "rixidez" do réxime legal, a "paulatina politización" do emprego público, a "inexistencia de planificación" e desaxustes en épocas de bonanza económica e crise, que levan "ineficacia e ineficiencia".


Entre elas, os expertos mencionaron a relevancia de que haxa "investimento" na consolidación dos postos de traballo e que se aborde "unha regulación específica" para o persoal ao servizo das administracións locais pequenas.


A colaboración supramunicipal e a fusión de municipios "poden liquidar problemas", pero o consello destes especialistas é "ver en cada caso" se é máis adecuado este tipo de medidas ou os convenios de colaboración, por exemplo.


Así mesmo, considera que "falta" a figura do directivo público profesional, baleiro que se suple por concelleiros con dedicacións parciais ou exclusivas e persoal eventual, é unha situación "para superar".


relacionada ​A cada galego tócanlle 155 euros pola débeda municipal
relacionada ​A Fegamp defende a "boa saúde" dos municipios fronte ao "rescate" dos Blancos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE