​Formoso gaña as primarias na Coruña e Pachi Vázquez cae na primeira volta de Ourense

|

Gonzalezformosopsdeg


O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, liderará o PSOE na provincia coruñesa tras impoñerse á ex concelleira compostelá Mercedes Rosón nas primarias celebradas este domingo.


En concreto, segundo os datos facilitados pola Xestora do PSOE coruñés, Gonzalez Formoso fíxose co 68,49% dos votos, ao obter 1.450; mentres que Mercedes Rosón foi apoiada por 666 persoas, o 31,46% das 2.116 papeletas emitidas polos socialistas coruñeses.


González Formoso partía como favorito para facerse co mando do PSOE coruñés xa que, ademais da súa maior proxección, ten o apoio de boa parte dos rexedores da provincia. Así, logrou integrar no seu equipo a dous dos outros seis precandidatos que había para este proceso interno: o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar; e o portavoz en Mazaricos, Javier González Trillo.


Pola súa banda, no equipo da santiaguesa considerada máis afín ao actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, adscribíronse o rexedor de Ares, Julio Iglesias; o militante coruñés Lois Fermín Vázquez; así como o tenente de alcalde de Culleredo, Diego Taibo.


"PRESUMIR DE DEMOCRACIA"


Tras coñecer os resultados provisionais que o sitúan como novo líder provincial, González Formoso considerou que o PSOE pode "presumir" de "procesos democráticos" na selección dos seus líderes e asegurou que estes comicios "avalan unha forma de entender a política".


Preguntado ao respecto, reduciu distancias con Gonzalo Caballero, ao asegurar ter un proxecto "idéntico" ao do novo líder do PSdeG. "Temos a responsabilidade compartida de ofrecerlle ilusión á cidadanía que cre na socialdemocracia", manifestou.


Por iso, rexeitou falar de "baronías" e sinalou que os novos dirixentes provinciais son uns "compañeiros" máis.


Villarino noela blanco

Votación en Ourense. Foto: PSdeG Ourense

PACHI VÁZQUEZ QUEDA FÓRA


A deputada autonómica Noela Blanco e o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, disputaranse a dirección do PSOE na provincia de Ourense nunha segunda volta das primarias, tras quedar fóra o que foi secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez.


Un total de 1088 militantes, o 70,69% dos afiliados na provincia (1539) participaron nas primarias deste domingo. Nelas, o rexedor de Amoeiro foi o que máis apoios obtivo, ao facerse con 427. Pola súa banda, Noela Blanco obtivo 336 votos e Pachi Vázquez 307. Ademais, rexistráronse 12 votos en branco e seis nulos.


Deste xeito, os 1.539 afiliados socialistas en Ourense volverán ser convocados para elixir o seu secretario provincial o día 30 de decembro, despois de que ningún dos tres candidatos obtivese este domingo máis da metade das papeletas.


Tanto Noela Blanco como Rodríguez Villarino creceron politicamente ao amparo de Pachi Vázquez, de quen hoxe están distanciados. Ademais, mentres que a parlamentaria apoiou nas primeiras galegas ao candidato que perdeu, Juan Díaz Villoslada, o rexedor entrou na dirección conformada por Gonzalo Caballero.


GAÑA A FISCALÍA


O ex secretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez asegurou esta semana que non renunciaría a concorrer ás primarias deste domingo despois de que esa mesma semana a Fiscalía pedise que se abrise xuízo contra o por un suposto delito de prevaricación cando era alcalde do Carballiño, entre 1995 e 2005.


Precisamente, tras coñecer os resultados que o deixan fóra da carreira polo liderado do partido na provincia, Pachi Vázquez manifestou que, nestas primarias, "houbo tres gañadores: os candidatos e a Fiscalía".


O alcalde de Amoeiro e vencedor da primeira volta Rafael Rodríguez (427 votos) confiou en que na segunda volta a súa proposta "aglutine aínda máis apoios" para "formar un partido que sexa a alternativa real" para gobernar na provincia e en Ourense.


Pola súa banda, a deputada no Parlamento galego Noela Blanco, que logrou o respaldo de 336 militantes, sinalou que co seu paso á segunda volta comeza "unha nova etapa" na que confía "sumar máis persoas" ao seu proxecto e "pasar páxina do que foron os últimos anos do PSdeG na provincia".


relacionada Pachi Vázquez non renuncia ás primarias de Ourense a pesar da acusación da Fiscalía
relacionada PSdeG elixe este fin de semana aos seus líderes nas provincias de Ourense e A Coruña
relacionada O PSdeG tratará de "aproveitar" o seu "novo ciclo" nas municipais de 2019

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress