A negociación do salario mínimo sitúa os 1.000 euros como meta a curto prazo
A brecha cos países europeos anima aos sindicatos a presionar por esta cifra, aínda que o Goberno rebaixa as expectativas.
O Goberno está a estudar varias fórmulas para subir o salario mínimo interprofesional (SMI), entre elas un aumento da súa contía do 4% para 2018, o que situaría esta renda en 735,9 euros mensuais, fronte aos 707,6 euros de 2017, segundo fontes dos axentes sociais consultadas por Europa Press.
As mesmas fontes aseguran que o Ministerio de Emprego é consciente da necesidade de subir os salarios para seguir impulsando o crecemento económico, e a alza do SMI podería animar a que tamén aumentasen os soldos na negociación colectiva.
Goberno, sindicatos e empresarios seguirán abordando esta cuestión nos próximos días para poder aprobar a subida do SMI antes de finalizar o ano. En 2017, o salario mínimo aumentou un 8%, ata os 707,6 euros mensuais. O repunte que se baralla para 2018, que aínda non está pechado, é a metade do que se aplicou para este ano.
Os sindicatos levan tempo reclamando ao Goberno que eleve o salario mínimo ata o nivel do 60% do salario medio, tal e como recolle a Carta Social Europea. Chegar a esa porcentaxe equivalería a un SMI de 1.000 euros mensuais por doce pagas ou duns 880 euros por catorce pagas.
Os sindicatos propuxeron alcanzar esa cifra de maneira graduada, en varios anos, xa que a subida para aplicar, en valores porcentuais, respecto da contía actual, superaría o 20%. O obxectivo é que en 2020 exista en España un SMI de 1.000 euros mensuais (ou duns 860 por catorce pagas).
SALARIOS E TEMPORALIDADE
O secretario xeral de Comisións Obreiras, Unai Sordo, condicionou a posibilidade de chegar a un acordo salarial coa patronal a que o mínimo interprofesional se incremente de forma "potente" e se achegue ao 60 por cento da retribución media en España, é dicir, ata uns 860 euros distribuídos en catorce pagas.
Por iso, CCOO non vai avalar un acordo que contemple unha subida "pírrica" do SMI. Así, desde este sindicato están "dispostos a falar de prazos", pero non dun incremento que "nin de lonxe" se aproxime á media salarial. En calquera caso, insistiu nas reivindicacións e condicións de CCOO, que esixe adecuar os salarios á evolución da inflación -os incrementos previstos son do 1,4% e 1,7%, respectivamente- e tamén á produtividade.
Na súa opinión, con premisas coma estas estaría "gañada a batalla" á subida salarial, que se viu obstaculizada por medidas estruturais acordadas "á calor da crise", e que, ao seu xuízo, non foron de emerxencia, pola conxuntura económica, senón que se adoptaron "para quedar".
METER MAN AO EMPREGO TEMPORAL
Por iso, desde este sindicato insisten en reverter elementos "estruturais" e "substanciais" da última reforma laboral -ou mesmo derrogala-.
Neste punto, Sordo pide "meter man" á contratación temporal, desincentivándola ou poñendo trabas. Tamén convidou a buscar fórmulas e alternativas para que cando haxa un problema económico, o despedimento sexa "o último recurso".
Escribe o teu comentario