Stop Velutina demanda na Cámara "frear a invasión" desta especie
Piden "un trampeo masivo" na primavera que permita capturar futuras raíñas fundadoras
A Plataforma Stop Velutina rexistrou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei que incorpora varias demandas para "frear a invasión" desta especie. Iso inclúe "un trampeo masivo" na primavera que permita capturar futuras raíñas fundadoras e evitar así a aparición dos "enormes niños secundarios" no verán.
"Desde 2012 estamos coa velutina presente en Galicia e, en cinco anos, conseguiu colonizar o setenta por cento do territorio galego, levando consigo abellas e outros insectos, quilos de mel e froitas, varios sustos e o desgradiado acontecemento sucedido no Porriño en novembro; hai que actuar xa", apelou Laura García.
Así, á marxe do trampeo na primavera, a plataforma esixe á Xunta a firma de convenios de colaboración coas universidades galegas co fin de "continuar coa investigación e atopar así ferramentas de control biolóxico que permitan controlar a expansión nun longo prazo".
A Plataforma tamén pide a presenza dos afectados nos organismos autonómicos que están a coordinar actuacións fronte ao problema. En concreto, o seu portavoz aludiu á comisión de seguimento na que están integradas tres consellerías e que "actualmente parece non ser operativa". Solicitan ademais o deseño dun sistema de axudas directas que permita "facer fronte aos gastos que ocasiona esta especie nas colmeas e froiteiras".
Escribe o teu comentario