Ferreiro reclama que a fachada marítima se deseñe na cidade
O alcalde da Coruña rexeita que o futuro dos peiraos se decida "nun despacho en Madrid ou en San Caetano".
Feijóo e Ferreiro, nunha reunión en febreiro. Foto: Concello da Coruña
O alcalde herculino, Xulio Ferreiro, reclamou que o futuro da fachada marítima da cidade se faga "na Coruña" e non "nun despacho de Madrid e San Caetano", ao propoñer de novo a fórmula dun consorcio coa participación das distintas administracións en relación co futuro dos peiraos coruñeses.
En declaracións aos medios sobre o deseño desta fachada, lembrou que o goberno local remitiu unha proposta de protocolo a Portos do Estado, a Autoridade Portuaria, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para "ir avanzando" nesta materia, da que non recibiu resposta.
Con todo, insistiu en que "a fórmula consorcial" é, ao seu xuízo, a máis adecuada para "garantir" que o deseño da fachada marítima se faga desde a cidade.
Por outra banda, preguntado pola próxima reunión coa Xunta sobre o transporte metropolitano, indicou que o Consistorio ten "practicamente ultimada" a súa enquisa sobre o funcionamento deste servizo.
"Gustaríanos poder contar cos datos que lle solicitamos á Xunta hai dous ou tres meses", lamentou o rexedor, para quen dispoñer dos mesmos permitiríalles "avanzar" no deseño do transporte metropolitano que expoñen desde o goberno municipal.
Escribe o teu comentario