A Fiscalía presentará "en breve" un estudo "ambicioso" sobre a vaga de incendios
"Non hai evidencias de que exista unha trama" incendiaria, pero o informe aspira a ser "unha panorámica xeral" da situación no monte.
Fernando Suanzes aposta por ir "un pouco máis aló".
A Fiscalía de Galicia presentará "en breve" un "completo" estudo sobre a vaga de incendios de outubro -na que faleceron catro persoas e houbo 49.000 hectáreas arrasadas--, "coma o que se fixo en 2006".
Diso informou este venres o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, quen explica que ese documento será "unha panorámica xeral", "non só de lumes en sitios determinados".
En declaracións aos medios tras facerlle entrega en Santiago ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, da memoria da Fiscalía de 2016, Suanzes avanzou que ese estudo busca "comprendelo todo desde un punto de vista xeral en Galicia".
Previamente, o fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, foi preguntado polos medios --nun foro celebrado polo Grupo socialista no Parlamento sobre o Prestige-- acerca de se se pode establecer a existencia dunha trama incendiaria.
A isto contestou García Ortiz: "De momento non, estamos na mesma situación que estabamos antes de empezar o informe, o que pasa é que o informe non está elaborado e son conclusións que irán un pouquiño máis aló de dicir si ou non a unha resposta sobre a trama, non hai evidencias de que exista unha trama ata agora o que atopamos, e no informe que está por vir desenvolveremos un pouco todas estas cuestións".
Nesta liña manifestouse Suanzes, pois nese estudo farase "algunha proposta para ir un pouco máis aló". "Como xa sucedeu en 2006, o estudo ten un carácter máis ambicioso que dicir soamente desde o punto de vista penal se hai algún tipo de organización, sexa de alto nivel, de baixo nivel ou un grupo máis ou menos pequeno", explica.
Escribe o teu comentario