Un enfrontamento entre Arribas e Andone suspende o adestramento do Dépor
Cristóbal manda a todos os seus xogadores ao vestiario tras o incidente. Adrián trata de quitarlle importancia.
Andone, no adestramento. Foto: RC Deportivo
O adestramento do Dépor deste luns rematou antes do previsto debido a unha pequena liorta protagonizada por Arribas e Andone, cando estaban a disputar un partidiño.
Varios compañeiros víronse obrigados a separar aos dous implicados no encontrón. Cristóbal resolveu o enfrontamento dando por rematada a sesión e enviando a todos os seus xogadores ao vestiario antes de tempo.
Nin Arribas nin Andone están a gozar dun oco habitual na formulación do novo técnico branquiazul. O dianteiro manifestou hai pouco o seu descontento nunha entrevista co diario As.
Pouco despois, Adrián compareceu ante a prensa e tratou de quitarlle importancia ao encontrón. "Sería un calentón", manifestou o dianteiro, que dixo que el estaba co fisio e non sabía "exactamente" o que pasara. Con todo, contou que "dentro do vestiario estaba todo o mundo tranquilo".
Desde o club non avanzan ningunha medida disciplinaria antes de coñecer a decisión de Cristóbal de incluílos ou non na convocatoria para o partido de Copa do mércores nas Palmas.
Escribe o teu comentario