Lucas Pérez: "Andone é un gran dianteiro e ímolo necesitar"
O dianteiro coruñés só pensa en "gañar partidos" para o Dépor e que Lopetegui se fixe nel.
Lucas Pérez, durante un encontro. Fonte: RC Deportivo
O esquema de xogo de Cristóbal afasta a posibilidade de que Lucas Pérez e Florin Andone compartan protagonismo no ataque do Dépor, unha situación "ingrata", tal e como recoñeceu este martes o dianteiro coruñés.
Lucas Pérez contou en rolda de prensa que fala "moito" con Andone. "O que lle podo transmitir é o que vivín eu o ano pasado. Ten que estar tranquilo e seguir traballando porque o necesitamos e ímolo necesitar ao longo do ano. É un gran dianteiro e sábeo. O grupo está con el", explicou.
Sobre a situación do equipo, valorou este parón ligueiro como unha marxe para a adaptación ao novo adestrador. "Cando chegou viñan tres partidos seguidos e agora podemos coñecer mellor as pautas de traballo do técnico, establecer máis confianza... vénnos ben a todos", argumentou.
Nesa liña, ve o Dépor cunha dinámica positiva. "Nós desde dentro sabemos que podemos gañar partidos tanto na casa coma fóra. Somos moi capaces".
E por esa melloría pasan as súas esperanzas de que Lopetegui se fixe nel: "Iso hai que gañalo. Lopetegui está a dar oportunidades aos xogadores que o están facendo ben, e espero gañalo".
Por iso, manifestou a súa alegría polo debut de Luis Alberto, ex compañeiro e bo amigo. "É o reflexo de facer un bo traballo no seu club. É un dos mellores da Serie A. Gañou de sobra esta recompensa", proclamou.
Escribe o teu comentario