O Dépor comeza a preparar o exame ante o pechacancelas
O Málaga, con 4 puntos, busca unha vitoria que cambie a súa xeira e os coruñeses, afastarse do descenso.
O duelo do próximo domingo na Rosaleda servirá para apertar as cousas onde máis feas están, o último cuarto da táboa, ou para dar aire a un Dépor necesitado de puntos tras o presumible cambio de rumbo.
A pesar de ser pechacancelas, o Málaga é un rival que lle custa ao Dépor. Tanto que os precedentes indican que os coruñeses non gañan en terras andaluzas desde 2003. Co agravante de que as últimas tres ocasións supuxeron senllas derrotas do Dépor.
Para cambiar a estatística, o equipo afronta unha semana longa de traballo, con seis adestramentos e ningún día de descanso ata o partido do domingo ao mediodía.
E no Málaga pode reaparecer Diego Rolán, a 'fichaxe' herculina máis controvertido dos últimos anos. O dianteiro uruguaio recupérase dunha lesión sufrida ante o Barça e pode estar a disposición de Míchel.
"O do Deportivo é unha historia moi rara e complicada que non quero contar para que non haxa confusións", declarou ao diario As o xogador. "Teño un obxectivo persoal que é ir coa miña selección, estar no Mundial, e para iso teño que facer todo o posible e estar a un bo nivel, non me podo permitir estar a un 50 por cento nin a un 60 por cento", explicou.
Escribe o teu comentario