As mareas locais poñen en marcha a maquinaria para as eleccións municipais
Martiño Noriega sostén que a intervención de Madrid demostra que "tentan dinamitar" a transformación local.
Unha das mesas de traballo. Foto: @ourenseencomun
Máis dun cento de persoas vinculadas a distintas mareas locais tomaron como exemplo a "boa praxe" dos gobernos de Santiago e A Coruña para iniciar a carreira cara ás eleccións municipais que terán lugar en 2019.
Ourense acolleu este sábado o encontro 'Hai Mareas', no que integrantes de distintos movementos municipalistas compartiron ferramentas, metodoloxías e experiencias co obxectivo de "mirar cara a 2019 desde a boa praxe" destes consistorios "ao servizo da cidadanía".
O acto organizado por Ourense en Común, foi aberto polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen xunto ao portavoz da marea ourensá, Martiño Vázquez, puxo de manifesto a "necesidade de compartir estes espazos de reflexión, debate e traballo" para "aprender e reivindicar" a capacidade do municipalismo "na transformación da autonomía social e local".
Con este obxectivo, durante a mañá, distintas mesas de traballo abordaron de forma simultánea as metodoloxías organizativas de cada proceso municipalista, as experiencias participativas desenvolvidas na Coruña e Santiago, así como o funcionamento interno das propias institucións coas vivencias en primeira persoa de edís da Marea Atlántica, Compostela Aberta, Marea de Vigo e Ourense en Común.
"LIMPAR AS INSTITUCIÓNS"
O evento foi clausurado polo rexedor herculino, Xulio Ferriero, e a edil de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, quen apostou por "máis e mellor municipalismo" para "limpar as institucións de corruptos".
Xuntos avaliaron o "nefasto goberno" do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (PP), ao que acusaron de ter "á cidade paralizada" e contrapuxérono cos "bos exemplos" da Coruña, Santiago ou Ferrol. "Pódese ter renda municipal, pódese ser transparentes nas contratacións, pódese facer que ningún neno quede atrás e poidan comer nas súas escolas", aseguraron.
Ademais, os participantes incidiron na necesidade de "abrir aínda máis" as institucións á participación cidadá e analizaron o camiño percorrido polo municipalismo ata a actualidade e os retos que se expoñen para a cita electoral de 2019.
DINAMITAR AS BOAS PRAXES
Pola súa banda, o alcalde de Santiago advertiu de que apenas quedan "espazos de transformación" salvo o local, algo do que, ao seu entender, son conscientes "os poderes fácticos", que actúan en consecuencia. "De aí a intervención en Madrid, tentan dinamitar todas as boas praxes", subliñou.
Preguntado acerca de se a súa experiencia na capital galega é un dos principais avais para En Marea en clave galega, ha replicado que, sen dúbida, é "unha achega". Non en balde, lembrou que Compostela Aberta "colleu Santiago nunha situación complicada" tras un polémico mandato do PP e puido "reducir débeda, aumentar gasto social ou poñer ferramentas de participación".
Agora, "con acertos e erros", defendeu que a capital galega ten "un goberno responsable". Dito isto, subliñou que o obxectivo non é só Santiago, senón "achegar a un cambio maior". Neste sentido, defendeu que considera que En Marea pode "sacar peito" pola xestión en Santiago, pero tamén pola de "A Coruña e outras cidades".
Escribe o teu comentario