Dá positivo en alcol e cannabis tras ir 10 quilómetros en sentido contrario pola AP-9
Retiráronlle o carné de conducir no momento e pode non recuperalo en catro anos.
Axentes da Garda Civil de Tráfico, pertencentes ao destacamento de Ferrol, remitiron na mañá deste luns ao Xulgado de Instrución Número 1 de Ferrol, en funcións de garda, o atestado instruído contra unha veciña de Ferrol, J.C.L., de 53 anos de idade, acusada dun delito contra a seguridade viaria tras ser localizada sobre as 19,30 horas do sábado 4 de novembro circulando pola autoestrada AP-9 en sentido contrario.
Ademais, a condutora obtivo resultado positivo en alcol, cunha taxa de 0,72 miligramos por litro de aire expirado, e positivo tamén en drogas, en THC, o principal composto psicoactivo do cannabis, polo que foi acusada dun delito contra a seguridade viaria.
A muller penetrouse na autoestrada á altura de Freixerio, en Narón, en dirección á cidade da Coruña, pero fíxoo polos carrís cara a Ferrol, tras o que foi interceptada polos axentes á altura da peaxe de Vilar do Colo, en Fene, despois de percorrer uns dez quilómetros.
REQUISADO O PERMISO DE CONDUCIR
Neste lugar, os efectivos da Garda Civil de Tráfico comprobaron que durante o traxecto realizado en sentido contrario, o vehículo chocara con outro usuario a cuxo turismo lle causou danos de escasa consideración.
Como medida cautelar, tras interceptar o vehículo, os axentes da Benemérita interviñéronlle á muller o permiso de condución, para a súa entrega no xulgado conxuntamente co atestado, mentres que o vehículo foi inmobilizado ata a chegada dun familiar que se fixo cargo do mesmo.
O xulgado será o que decidirá as medidas para tomar, ben a celebración dun xuízo rápido, xa que o resultado na alcoholemia leva aparellado unha pena de entre tres e seis meses de cárcere, xunto cunha multa de seis a doce meses de privación, traballo comunitario de 30 a 90 días e a prohibición de conducir por un período de entre un e catro anos. En caso contrario, optaríase pola vía de dilixencias previas.
Escribe o teu comentario