Isto do procés foi tan longo e tedioso que ao final un agradecía algo de Pérez Prado no horizonte, e os mozos da CUP empuxaron os seus maiores saltar á pista parlamentaria e marcarse un mambo republicano, ao que só lle faltou a batuta do gran Xavier Cugat.
A peza, fielmente interpretada pola orquestra Puigdemont, concluíu entre aplausos dos bailaríns e do numeroso público que acudiu á festa. O domingo houbo segunda parte, e alí en plena rúa o que triunfou foi o pasodobre, no que Paquito el Chocolatero foi o rei da festa.
Un pensa que o España cañí iría máis á ocasión, pero non, os miles de asistentes inclináronse pola peza que fixo inmortal a Gustavo Pascual Falcó, o seu autor, pero sobre todo ao seu cuñado Francisco Pérez Molina, máis coñecido na súa época como "Paquito el Chocolatero".
Que vén a continuación neste repertorio inmortal? Pois parece ser que algo máis clásico, por exemplo Wagner e a súa xenial Cabalgata das Walkirias, coa que un Fiscal con cara de mala leche pensa botar adiante o baile dos bancos, unha peza moi seria que se escoita tradicionalmente cos bailaríns sentados.
Logo xa se verá, depende moito de como reciba o público esta última peza, xa que cunha campaña electoral encima, pódenos pasar de todo. Desde que Miquel Iceta nos lembre a Freddie Mercury emulando a Chiquito de la Calzada, ata chegar á éxtase de Trapero cantándonos "Mi cargo me lo robaron" a capella desde o Auditorio de Soto del Real.
Aquí, como poden comprobar, do que se trata é de mostrarnos alegres e pacíficos. E non será este xornalista o que lles enmende a plana aos políticos que xa teñen bastante coa que nos learon a todos.
Escribe o teu comentario