A aposta da Xunta pola educación concertada tradúcese en 360.000 euros máis
A CIG reprocha as axudas para perfís profesionais para atender a alumnos con necesidades especiais que non hai en centros públicos.
A CIG denunciou este mércores que a Consellería de Educación incrementa en 360.000 euros os concertos co ensino privado, tal e como recolle a orde publicada no DOG e pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.
Nesta orde destínanse 360.000 euros para contratar persoal como logopedas, fisioterapeutas, axudantes técnicos educativos, psicólogos, pedagogos, traballadores sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores, perfís, salvo este último que, "aínda sendo moi necesarios e reclamados pola CIG, non existen no ensino público".
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bello, criticou que mentres Educación "practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptable no ensino público; suprimindo centros, unidades e profesorado; curiosamente, mantén inalterada desde 2012 esta partida económica que se incrementou naquel ano un 37%".
"A nós gustaríanos contar con estes perfís profesionais nos centros públicos", apuntaron desde a CIG, á vez que aseguraron que estas axudas permiten aos centros concertados destinar máis dos seus fondos a reparacións, mantemento ou compra de material.
Escribe o teu comentario