Prorrogados 12 días máis os contratos dos case 1.000 brigadistas que seguen activos
A previsión meteorolóxica obriga á Xunta a manter o dispostivo. "Podemos ter outra desgraza", avisaron esta mañá os traballadores.
A Xunta volveu prorrogar ata o día 12 de novembro o dispositivo antiincendios xa ampliado con anterioridade para evitar novos lumes, ante a previsión de que nos próximos días haberá tempo seco e sen chuvias, segundo informou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.
Antes do anuncio de Medio Rural, brigadistas de Seaga alertaran de que a final deste mes de outubro remataban os seus contratos prorrogados os 500 empregados desta empresa pública de extinción e 436 traballadores de persoal laboral do servizo da Xunta ante unha previsión de "alto risco" de incendios.
En rolda de prensa en Santiago, Peter Brea, delegado sindical de Seaga na provincia da Coruña, sinalou que a previsión meteorolóxica é que se manteña a seca, despois de que a chuvia caída nos últimos días non fose "suficiente para mollar o terreo", mentres se mantén o vento do Sur que cambiará a nordeste a partir da fin de semana. "Se vén o aire podemos ter outra desgraza", avisa.
PENDENTES DO TEMPO
Nesta liña, o presidente do comité de empresa de Seaga na provincia de Lugo, Héctor López, apuntou que se prevé "bastante vento" para próximos días, e lamenta que a Consellería do Medio Rural teña que estar "sempre pendente do tempo" para actuar, "no canto de montar un dispositivo que dure todo o ano".
Tras explicar que tamén se prevé que traballadores de Tragsa cesen en próximos días --unido aos de Seaga e o persoal laboral que se contrata por tres meses--, os brigadistas cargaron contra a "improvisación" do operativo da Xunta, xa que "a política forestal da Consellería determínaa o anticiclón dos Azores".
"MONICREQUES" DE FERNÁNDEZ-COUTO
"O problema sabemos todos onde está", resumiu Peter Brea, en referencia ao responsable de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, "que leva 23 anos facendo o que quere" e "repartindo traballo a empresas privadas".
De feito, preguntados sobre se tamén piden a dimisión da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, Brea explicou que "xa dimitiron varios conselleiros" nos últimos anos, pero di que só son "monicreques" de Fernández-Couto.
Considera que a política forestal "é un fracaso" por culpa de Fernández-Couto, polo que a súa marcha "é a clave para o cambio de política forestal deste país".
Así mesmo, censuran que "a Xunta con Fernández-Couto á fronte deixou a investigación de lado", pois "quitou o orzamento que tiñan os axentes forestais, que son os que saben realmente das causas do lume" e "quitou o orzamento de investigación".
Ademais, Brea apunta que os traballadores de extinción necesitan formación, "porque os lumes que están a vir non son coma os de antes, son auténticas tormentas de lume". "Se queremos parar isto temos que saber de onde vén", sentenza.
Todo iso, mentres se reclama de novo un servizo de loita contra o lume "público, único e eficaz", que se manteña todo o ano e no que se acabe coa precariedade.
RISCO DE REACTIVACIÓN
E é que Peter Brea lembra de que os traballadores de Seaga avisaron o 11 de outubro de que "podería pasar unha desgraza" ante as previsións meteorolóxicas existentes, unha desgraza que "pasou" na vaga de lumes, "pero podía ser moitísimo peor", porque "os incendios en Pontevedra apagounos a auga".
Con todo, remarca que non choveu o suficiente e, de feito, as brigadas "están a revisar os lumes" para evitar o risco de que se activen "outra vez" ante a seca existente, "porque se están levantando fumaredas".
"OVELLAS NEGRAS"
Neste sentido, o secretario confederal de Medio Rural da CIG, Paulo Rubido, reclama un servizo permanente no tempo sen improvisación. "Non vaia ser que despois haxa unha vaga de lumes e nos volvan imputar a nós ou aos brigadistas a autoría dos incendios, cousa que é absoluta mentira", clamou.
E é que un dos puntos sobre os que quixeron chamar a atención os membros de Seaga é que non entenden que se "dubide" do seu labor. "Unha persoa que está 12 horas en perigo (...) asegurámosvos que non é a que prende lume", deixa claro Peter Brea.
"Hai ovellas negras, pero somos miles de traballadores e non chegan a cinco os que están detidos e prenden lume", razoa este brigadista. "Non entendemos que por pecadores paguen os xustos", afirma Brea.
Escribe o teu comentario