A Xunta planea 'limpar' parcelas abandonadas e cobrar despois aos propietarios
A lei de acompañamento modifica a de incendios e incide en "repercutir os custos" en quen non limpe.
O Goberno galego introduce na lei que acompaña os orzamentos para 2018 numerosas modificacións no articulado da lei de prevención de incendios, a de mobilidade de terras e tamén na de montes mancomunados co obxectivo, segundo defende na exposición de motivos previa ao articulado, de tentar reducir o risco de lumes forestais.
Son varios os artigos que se modifican, pero, entre outras cuestións, amplía de forma notable o artigo relativo á limpeza e xestión de biomasa por parte dos propietarios, incluída a retirada de especies arbóreas antes de que finalice o mes de xuño de cada ano, para incidir na repercusión dos custos que poida ocasionar unha execución subsidiaria.
O procedemento sinala que, no suposto de incumprimento da limpeza obrigada antes de que empece o período de máximo risco de incendios, a Administración pública enviará ao responsable unha comunicación na que se lle lembrará a súa obrigación de xestión da biomasa forestal.
Tamén se mantén o prazo de quince días naturais para poder facelo e especifícase que este será de ata tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación.
VENDER A MADEIRA
Transcorridos os prazos sinalados sen que o responsable se encargue da xestión de biomasa, a Administración pública competente poderá proceder á execución subsidiaria atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, entre outras, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interfase urbano-forestal.
Farao asumindo os custos con cargo ao seu orzamento, pero -remarca o artigo--, "sen prexuízo da repercusión dos mesmos á persoa responsable". Cando a identidade da persoa responsable non fose coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos pospoñerase -recolle o ampliado artigo catro-- ata o momento no que, de ser o caso, a súa identidade "chegue a ser coñecida" sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobro a favor da facenda pública.
Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de árbores, a Administración poderá, mediante os seus propios órganos ou a través e os seus medios propios instrumentais e servizos técnicos, allear a madeira resultante e aplicar o prezo obtido a sufragar os custos daquela, descontándoo da cantidade que se lle repercutirá á persoa responsable.
Outros cambios da lei de acompañamento inciden en facilitar a declaración de terreos como en grave estado de abandono e tamén modifica outras normativas encamiñadas a facilitar, por exemplo, medidas fiscais avanzadas polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.
Escribe o teu comentario