Traballadores de Emerxencias denuncian colapso do 112, poucos efectivos e "descoordinación"
Critcan que o sector é un "conglomerado precario e desorganizado" e esperan que a vaga de incendios sirva polo menos para mellorar o servizo público.
112 e bombeiros, descoordinados na vaga de incendios.
Diversos colectivos denunciaron o "caos total" e a "descoordinación" que sufriu a xestión das emerxencias durante a vaga de incendios que afectou a Galicia desde o pasado venres ata o luns, con especial incidencia durante a xornada do domingo.
Así o aseguraron, en rolda de prensa, representantes do servizo 112, que atende as chamadas por incidencias na comunidade; membros dos bombeiros públicos e comarcais, das brigadas contra incendios e dos axentes forestais.
Na súa comparecencia, criticaron que existe un "conglomerado precario e desorganizado" para dar resposta ás emerxencias, e mostraron a súa "alianza" para dar "o exemplo que non dan os políticos". "Unímonos e imos buscar solucións comúns", proclamaron.
A integrante do comité de empresa do 112 Susana Camba describiu unha situación de "colapso" na central, fundamentalmente durante a tarde-noite do domingo, e asegurou que "se vía vir" desde horas atrás.
Con todo, segundo criticou, "só" sete persoas estiveron a atender "centos, miles de chamadas" durante a mañá do domingo. Cando chegou o reforzo, xa pola tarde, o persoal incrementouse ata 14 traballadores.
"IMPOTENCIA E RABIA"
Outro dos seus reproches dirixiuse ao feito de que "non se habilitou unha liña especial", como si ten o 061, para que os organismos encargados de actuar 'in situ' se puxesen en contacto cos teleoperadores.
Desta forma, segundo advertiu, o "caos" foi "total" e "inadmisible". De feito, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente, Alfonso Rueda, cando se pronunciaron ante os medios de comunicación "recomendaron" á cidadanía contactar co 112.
"Ata para pedir información sobre o estado das estradas chamouse ao 112", revelou, despois de facer referencia á existencia dun número específico para chamadas sobre lumes (o 085).
Así, confesou "impotencia e rabia", posto que o persoal do 112 sabía que o panorama era "moi grave" pero, nas súas propias palabras: "Fixemos o que puidemos".
"DÍXOSENOS QUE NON FACIAMOS FALTA"
Pola súa banda, o bombeiro no parque de Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, Miguel Ucles, foi máis aló, ao asegurar que foron rexeitados varios dos seus ofrecementos. "Quixemos facer máis e ou non se nos permitiu ou díxosenos que non facía falta", aseverou.
Igualmente, Gustavo Tubío, representante da plataforma de bombeiros públicos de Galicia, ilustrou a súa "frustración" con casos concretos como o dunha mobilización que "nunca chegou" para ir a Ponte Caldelas, "onde ardían casas"; ou compañeiros da Coruña que, segundo o seu relato, ofrecéronse pola mañá e non foi ata a noite cando lles pediron acudir a Oia, ao sur da provincia de Pontevedra.
Do mesmo xeito, referiuse a escenas vividas en Santiago, Lugo e Ourense, onde houbo, afirmou, "autoorganización dos parques" pola "inacción" da Axega, a axencia de xestión de emerxencias da Xunta.
Por todo iso, denunciou "falta de regulación" e "segregación do sector", que está conformado por un "conglomerado precario e desorganizado" que fai "difícil" unha xestión "rápida e eficiente".
"Esperamos que esta vaga de incendios sexa un paso previo a esa necesaria regulación, e tamén da recuperación do servizo de mans privadas para o sector público", subliñou, clamando por un servizo "homoxéneo" neste ámbito.
BAILE DE CIFRAS
Miguel Ucles cifrou nuns 400 os profesionais que afrontaron os momentos máis críticos da onda de lumes: segundo os seus números, 50 axentes forestais que subiron a 80 tras incorporarse 30 voluntarios; 40 brigadistas de Seaga na provincia de Pontevedra (de 125 posibles); 120-125 bombeiros públicos e 75 de xestión indirecta.
Preguntado polos máis de 5.000 efectivos que, de acordo co presidente galego, estiveron operativos nesas horas, respondeu que "están mentindo", e que "non vale sumar con todo", xa que os axentes da orde, por exemplo, non están formados para apagar lumes.
Do mesmo xeito foi obxecto de críticas a UME (unidade militar de emerxencias), ao reprochar o representante dos brigadistas que "veñen para sacar a foto e custan moito diñeiro, pero actúan desde a estrada".
Foi o presidente do comité de Seaga en Pontevedra, Josafat Puente, o que sinalou esta circunstancia, que contrapuxo con que os membros das cuadrillas, xa sexan do persoal propio da Xunta como da empresa pública para a que el traballa, métense a loitar contra incendios ás veces "de 20 metros de alto".
De novo en materia comunicación, Ucles chamou a atención sobre que o 'WhatsApp' acabou sendo a "rede" dos diferentes corpos de atención ás emerxencias.
Sobre iso incidiu o axente forestal Rafael Cudeiro, que reclamou "un mando único e unha única canle de comunicación", porque, se non, "é un galimatías".
MÚLTIPLES CAUSAS, FRONTE Á "TRAMA"
Cudeiro, que leva anos investigando a orixe de incendios forestais, apuntou que nestas datas do ano e pola zona pola que el se move (Ourense) adoitan responder a queimas de gandeiros para xerar pastos, pero tamén a "catro descerebrados e dous ou tres cazadores".
Neste contexto de múltiples causas e descartando a existencia dunha "trama" incendiaria, indicou que os ventos "complicaron moito" as tarefas, ao xerar focos secundarios e frontes de ata 10 quilómetros de lonxitude, como o dun incendio en Pazos de Borbén, que avogou por estudar unha vez se acouguen as cousas.
Ademais, afirmou que este colectivo, composto por 540 axentes forestais, leva "tempo solicitando" a súa incorporación ao protocolo da atención de emerxencias, mesmo a súa "presenza física" na sala. "Ata o momento, a calada por resposta", segundo censurou.
CAMBIOS NO OPERATIVO
Advertiu de que cada vez se dan máis casos de incendios forestais en interface urbana, polo que tanto el como outros brigadistas presentes na convocatoria urxiron "formación", para que os bombeiros saiban como actuar ante lumes no monte e para que os traballadores contra incendios forestais aprendan a responder en escenarios urbanos.
Foi coincidente entre varios dos participantes tamén a demanda dun cambio de modelo, con máis prevención e recuperación dun monte con diversidade de usos e especies.
O representante de Seaga esixiu a dimisión do director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, para que haxa "un cambio" tendo en conta que baixo as súas ordes leva a política forestal da Xunta durante as últimas décadas.
"ADVERTÍUSELLE A FERNÁNDEZ-COUTO"
Denunciou que os 500 traballadores da empresa pública acabaron de traballar o día 12 e "o 10 advertíuselle a Fernández-Couto" a fin de semana que se aveciñaba, con altas temperaturas e fortes ventos pola chegada da cola dun furacán.
Con todo, segundo asegurou, en Ourense non empezaban a traballar ata o luns ou mércores e participou a fin de semana "algunha brigada de voluntarios". En Pontevedra, "de 125 había 40 traballando, 12 deles voluntarios". "Eu nin tiña equipo na base", dixo.
Así mesmo, reprobou que "hai máis xente agora" nos montes, "chovendo", que "no momento culmen" de lumes, e rexeitou que se acuse aos brigadistas: "Dous compañeiros deron a vida en 2010, non pode ser que se nos ataque", sentenciou.
Por outra banda, traballadores presentes aseguraron que helicópteros foron aos Ancares co lume extinguido durante a visita da conselleira.
Escribe o teu comentario