Facultativos do CHUS denuncian que un conflito persoal bloquea os reforzos en Urxencias
Culpan á xerencia dunha “presión inusual” sobre a coordinadora do servizo, á que tratan de forzar a dimitir.
A situación das Urxencias do CHUS, que pacientes e profesionais veñen denunciando desde hai tempo, ten unha parte da súa orixe nun diferenzas persoais entre a Xerencia e a coordinadora do servizo.
Tal e como denuncian nun escrito facultativos das Urxencias do CHUS, existe un “ataque directo” cara á coordinadora para forzar a súa dimisión e “poñer así no seu lugar a un candidato con posicións máis afíns”.
Os facultativos enviaron esta carta á consellería, explicando o boicot que afecta ao as urxencias. E é que poñen de manifesto unha “presión inusual sobre o Servizo e sobre a nosa Coordinadora, a quen se lle dificultaba a concesión de reforzos en momentos de presión asistencial, e esixindo uns resultados asistenciais de dificilísima consecución cos medios dispoñibles”.
No escrito, critican que a solución aos coñecidos problemas do hospital compostelán “pretenden que sexa calar a quen protesta”.
Os facultativos relatan que levan tempo facendo “esforzos extra para que a coordinadora, a quen todos apreciamos e respectamos, non lles servise de chibo expiatorio”. A súa intención final, explican, é “que o noso servizo de Urxencias mellore ata convertelo nun modelo a seguir e, para iso, queremos á nosa coordinadora no seu posto”.
Escribe o teu comentario