Pacientes nos corredores do Clínico de Santiago e camas que seguen pechadas
Persoal sanitario e asociacións de pacientes denuncian que "se usa o servizo de Urxencias como almacén de pacientes pendentes de ingreso".
Corredor de acceso, este venres. Foto: Pacientes Compostela
Os sindicatos CESM e OMEGA denunciaron que o Hospital Clínico de Santiago vive de novo episodios de "saturación" nos seus corredores nos que, segundo afirman nun comunicado, este sábado se atopan "12 pacientes graves" ao estar ocupados os cubículos por outras persoas pendentes de ingreso.
Deste xeito, cargan contra a xerencia do CHUS, á que acusan de "coñecer sobradamente" o problema da falta de espazo. "A Fiscalía está a investigar como homicidio imprudente o falecemento dunha enferma no dito corredor", aseguraron.
Así, a coalición de sindicatos incide en que "son múltiples" os días ao longo do presente verán nos que "se usa o servizo de Urxencias como almacén de pacientes pendentes de ingreso, o que ocasiona que os enfermos graves teñan que esperar nos lugares de tránsito".
Así mesmo, denunciaron que, mentres o Clínico vive esta "saturación", a xerencia "mantén camas pechadas no Hospital Provincial e no Gil Casares".
Tras defender o traballo do persoal de Urxencias, que fai "todo o humanamente posible para atender os pacientes adecuadamente", sinalan como responsables á xerencia e ao Sergas.
"Hai uns responsables políticos, empezando pola xerencia e continuando na Consellería (de Sanidade) que deben solucionar esta caótica e insustentable situación que se alonga no tempo", conclúen.
CATRO DE CADA DEZ CAMAS, PECHADAS
Xa o venres pola tarde, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS informou de que había máis de 30 pacientes que permanecían nos corredores ou nos boxes pendentes de ingreso, coa "zona de críticos e monitores totalmente cheos".
"Mentres isto acontece, co persoal de persoal ao completo e as lista de substitución esgotadas, seguen manténdose camas pechadas sen dotación de persoal, e o nivel de ocupación das camas rexistrado no día de onte non superaba o 62 por cen excepto en psiquiatría que se mantén nun 92 por 100 de ocupación", denunciou a asociación nun comunicado.
Así, criticaron a "pasividade da xerencia e do persoal supervisor", que provoca, "a vulneración dos dereitos esenciais dos pacientes". Por iso, esixiron "que se poña fin a este smalos tratos asistenciais abrindo e poñendo a disposición as camas requiridas clinicamente".
Escribe o teu comentario