Denuncian un novo episodio de colapsos nas urxencias do CHUS
A Asociación de Pacientes e Usuarios asegura que entre as 15,00 e as 19,00 deste xoves chegou a haber 36 pacientes en espera con ingreso asignado, xerándose longas colas en zonas de acceso.
// Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS acaba de denunciar un novo episodio de colapso do servizo de urxencias entre as 15,00 e as 19,00 horas deste xoves.
Segundo afirman nun comunicado remitido aos medios, "ás 15,15 horas había un total de 36 pacientes con ingreso asignado na sala de observación, dos cales ás 18,10 horas 24 seguían nesta situación, tendo 17 deles cama asignada". Ademais, aseguran que "ás 16,20 horas 17 pacientes estaban colocados no corredor de acceso en padiolas e cadeiras de rodas". En consecuencia, "a cola chegaba ata o servizo de xinecoloxía --20 metros de corredor--, e moitos deles estiveron a esperar máis de 2 horas para ser atendidos".
A asociación tacha de "inaceptable" esta situación, máxime despois do recente "falecemento dunha persoa nos corredores", e advirten que colocar aos pacientes en áreas de acceso durante horas constitúe "malos tratos asistenciais de carácter institucional", ademais dun perigo potencial ao obstaculizar zonas clave en casos de emerxencia. Ademais, inciden en que este episodio prodúcese en ausencia de "repuntes da demanda" e "coa colaboración activa ou pasiva dos responsables da súa xestión".
"Non é admisible que nun hospital que presume publicamente de excelencia, que os pacientes permanezamos esperando horas en zonas de observación despois de ter aprobado o ingreso en planta e ter asignada unha cama".
O colectivo lamenta que, "baixo o argumento de incapacidade técnica para abordar a problemática do servizo", a Valedora fixese "caso omiso" da queixa presentada por esta asociación, "asumindo a posición da parte responsable da xestión e eludindo abordar o problema exposto", que identifican como "trato indigno e vulneración do dereito á asistencia e trato digno".
Desta forma, os pacientes piden que a xerencia "poña fin a esta situación" e cumpra a lei, fundamentalmente o artigo 43 da Constitución que insta ao poderes públicos a "organizarse e tutelar a saúde pública a través de servizos sanitarios" e o artigo 52 da Lei de Saúde de Galicia, que "recoñece o dereito dos pacientes para recibir en caso de urxencia, unha atención sanitaria inmediata".
Escribe o teu comentario