Ducias de pacientes esperando o ingreso en planta polo colapso das Urxencias do CHUS
O peche de camas e a falta de persoal provocan situacións graves de "malos tratos asistenciais".
Padiolas no corredor dun hospital.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS volve denunciar unha situación de colapso dos servizos de Urxencias do hospital compostelán, provocada polo peche de camas e a falta de persoal no verán.
O colectivo informa nun comunicado que ata 24 pacientes se xuntaron este luns esperando o ingreso en planta, dos cales excepto dous todos tiñan cama asignada. A esta situación únense outros pacientes en padiolas e cadeiras de rodas no corredor, mentres cinco padiolas da zona de atención permanecía pechadas.
Ademais, a asociación recibiu a queixa dun paciente que leva en Urxencias desde o venres 21 aínda sen cama asignada, polo que non recibe o "aseo persoal e a comida de media tarde", atención propia dos servizos de planta.
E todo mentres desde o CHUS se informa de que a ocupación das camas non supera o 60%, salvo en psiquiatría. "Isto quere dicir que existe un volume de camas que non están dispoñibles por falta de dotación de persoal para ser atendidas ou ben porque se declarou o seu peche", explican.
No seu comunicado, a asociación pide que se poña fin "a estes malos tratos asistenciais por parte dos responsables do CHUS". Reprochan as políticas de "racionamento dos recursos" que provocan a "deterioración dos servizos sanitarios públicos", ao entender que se fomenta con estas prácticas "o acceso á sanidade privada".
Escribe o teu comentario