Comezan os traballos de consolidación do xacemento do castro de Elviña

Os traballos de escavación e restauración comezarán esta mesma semana, despois das actuacións de limpeza desenvolvidas no enclave arqueolóxico.


|

Castrocoruna



O Concello vén de poñer en marcha os novos traballos de consolidación do xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña, unhas obras que afectarán aos 6.300 metros cadrados de superficie escavada para recuperar e dignificar esta peza do patrimonio da cidade.


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitou esta semana o Castro para supervisar o inicio das actuacións, que se prolongarán durante cinco meses e que se completarán, na primeira metade do ano que vén, cunha segunda fase de estudo dos materiais extraídos e a elaboración dunha memoria, para o seu tratamento e musealización.


"Falamos dunha intervención ambiciosa, unhas obras que teñen unha partida de máis de 800.000 euros e que afondan na que é unha liña estratéxica da Concellería de Culturas para o ano que vén, como é a posta en valor do patrimonio", destaca Sande, quen incide "na aposta do executivo municipal por recuperar para a cidadanía un enclave de grandísimo valor, pero que foi inxustamente esquecido e apartado do circuíto cultural e patrimonial e ao que cómpre devolver a dignidade".


Esta nova campaña, que se realiza baixo a supervisión do arqueólogo municipal, vai dirixida "a consolidar e dar dignidade ás estruturas arquelóxicas" que foron descubertas no Castro entre 1947 e 2013 nas distintas áreas de escavación, e que recibiron, en cada caso, unha estratexia diferente de restauración.


Dese xeito, e como expón o responsable municipal de Culturas, o obxectivo é rematar de escavar as zonas que están iniciadas, para realizar a súa consolidación, consolidar as estruturas que saíron á luz na década dos anos corenta, e corrixir algunhas restauracións que non funcionaron da maneira esperada.


O proxecto contempla tamén intervencións nas tres entradas documentadas do castro, e rematar a escavación da terceira entrada, que foi documentada no ano 2013, de cara a deixar á vista o pavimento de pedra, que presenta un bo grao de conservación, e os dous torreóns, ademais da praza de acceso.


relacionada A Cova de Eirós, entre a ameaza e o recoñecemento internacional
relacionada Piden a inclusión dun novo petróglifo en Cervo no catálogo de xacementos arqueolóxicos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE