A Cova de Eirós, entre a ameaza e o recoñecemento internacional
Esquerda Unida reclámalle á Xunta que tramite a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, pola relevancia deste xacemento paleolítico.
Está considerada a 'Altamira e a Atapuerca galega'.
Esquerda Unida reclamou que "toda" a paraxe arqueolóxica da Cova de Eirós, en Triacastela, sexa considerada pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, polo que instou á Xunta a iniciar os trámites para conseguilo "canto antes".
A través dun comunicado emitido este sábado, EU celebrou o fallo que anula a licenza concedida polo Concello de Triacastela a Cementos Cosmos para a explotación dunha canteira situada nun lugar moi próximo á chamada 'Atapuerca galega'.
O municipio xa manifestou a súa intención de recorrer unha sentenza que, para o partido, "permite albergar esperanza para a preservación e integridade" da Cova de Eirós, onde "a proximidade das actividades extractivas nunca freadas pola Xunta" puxeron en "risco" o conxunto de pinturas rupestres que alberga no seu interior.
E é que, para EU, a Dirección Xeral de Patrimonio do Goberno galego "delimitou unha área de afectación e estableceu unhas cautelas que atenden máis aos intereses de Cementes Cosmos que á correcta conservación deste xacemento".
"Galicia e A Cova de Eirós non se merecen estes gobernantes indiferentes ao que é considerado pola ciencia como a 'Altamira e a Atapuerca galega'", remarca no seu comunicado.
Así, resalta que no xacemento, que alberga as únicas mostras de arte rupestre do Paleolítico descubertas en Galicia, están a realizarse na actualidade unhas escavacións para buscar indicios de ocupacións humanas anteriores ás atopadas ata o momento.
Por todo iso, Esquerda Unida instou á Administración galega a iniciar os trámites para que A Cova de Eirós sexa incluída "canto antes" na lista da Unesco de lugares Patrimonio da Humanidade, do mesmo xeito que se está en marcha a súa consideración como Ben de Interese Cultural.
Escribe o teu comentario